Novo ridículo do Pontevedra que cae derrotado sen paliativos (2-0) ante o Laracha
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non caben escusas. Simplemente non as hai. Novo partido (e xa van sete), mesmos erros. Certificado queda que o da segunda parte fronte ao Compostela, o pasado xoves, foi un espellismo. O Pontevedra actual é o que vimos no Municipal da Laracha. Un equipo pailaroco, sen a necesaria actitude nin tensión competitiva, e carente do imprescindible traballo técnico e táctico. Un equipo que non sabe ao que xoga, e ás veces nin sequera sabe se está a xogar ou simplemente "enredando".
Quizais aí estea a clave. Hai unha diferenza enorme entre xogar e competir. Xogar xogan moitos, competir fano os que ao final rematan levándose os partidos. O Pontevedra xoga, ou "enreda", coma se fosen nenos, pero non compite. Ou quizais é que algún segue pensando que saír a un campo cunha camiseta histórica xa é suficiente para gañar. E claro, así lócelles o pelo. O rival, simplemente poñendo intensidade na disputa, deixándose a alma en cada xogada, píntalle a cara a un equipo incapaz de corrixir erros que se repiten de forma sistemática en cada xornada.
Porque non é que fose mellor o Laracha, que o foi. A verdade é que foi peor o Pontevedra, que non é o mesmo, aínda que o pareza. O Laracha simplemente fixo o que se esperaba del. O Pontevedra non. O Pontevedra foi unha alma en pena, un equipo roto no que cada un facía a guerra pola súa conta, e no que o xogo colectivo brillaba pola súa ausencia.
Se vostedes lle preguntan os escasos 200 espectadores presentes no Municipal da Laracha ao rematar o partido a que xoga o Pontevedra?, seguro que lles responden que quedaron sen sabelo. Pelotazo en longo unha e outra vez, menos cando hai que ser contundente en defensa.
E erros, os de sempre. Brandos en defensa. Nulos na elaboración. Ineficaces na definición. Tres pecados capitais que levan ao equipo a asinar un inicio de tempada infame. Con 10 puntos de 21 posibles, a maioría deles disputados fronte a rivais recén ascendidos. Claramente ese non é o camiño. Pero peor é o feito de que xornada a xornada se incide no mesmo (e van xa dous meses de competición), sen que se aprecien signos de buscar solucións.
Afortunadamente poucos eran os afeccionados granates presentes, pero eses poucos aos que hai que aplaudir pola súa valentía e amor ao club, caíaselles a cara de vergoña vendo a pobre imaxe que o seu equipo vai deixando semana a semana polos campos galegos, tendo que escoitar os comentarios da afección rival, que espera ver un equipo histórico e se encontra cun grupo de raparigos que na súa maioría nin sofren nin padecen, limitándose a pasear "palmito" polo campo.
Sen esquecer que o Laracha se presentaba á cita con ata seis baixas de xogadores por distintas causas, pero o facía convencido de cales eran as súas armas. Tensión e intensidade. Foi suficiente. Certo que o Pontevedra levou lixeiramente o mando no primeiro tempo, pero foi un mando só relativo. Os granates tiveron as primeiras aproximacións en disparos de Benja e Luismi, sen perigo, ata que Tubo puido marcar, preto xa da media hora, evitándoo Damián ao desviar lixeiramente a pelota a corner.
Pero a pesar dese lixeiro dominio visitante, a sensación que flotaba no ambiente era que o Laracha podía sacar petróleo dunha defensa granate branda como a manteiga. E case o fai no minuto 37, no primeiro erro grave de Pablo, que ao querer protexer un balón permite que llo arrebate Denís. Candela evitou o gol ao cruzarse de forma providencial.
O máis perigoso do Pontevedra fíxoo o defensa local, Raúl, que ao intentar despexar un centro de Adrián, manda de cabeza o balón ao longueiro da súa propia portaría. Era o minuto 40, tres antes de que comezase o principio do fin para os visitantes.
Esa falta de tensión na disputa provoca perdas de balón en zonas de risco que case sempre acaban (e é outro dos defectos habituais deste Pontevedra) en falta cometidas nas proximidades da área. Fíxoo Candela cun agarrón absurdo a uns dez metros da frontal, e Javi Villar lanzou un mísil á escuadra ante o que nada puido facer Edu. Descanso e a remar contracorrente.
Nando intenta buscar solucións con dous cambios, dando entrada a Carnero e Lede, e o Pontevedra fai oito minutos, os únicos en todo o partido, nos que de verdade manda e crea ocasións. Iso si, aínda que o día estaba seco e soleado, a pólvora granate parecía facer durmido no río.
O Pontevedra estrelou dous balóns na madeira e rematou cun menos por expulsión de Miguel no último minuto
Tubo no minuto 46 remate de espora. Damián desvía corner. Benja no 51 estrela o balón nos pés do porteiro. Carnero no 52, á saída dun corner, manda o balón á cepa do poste. Tres ocasións para o empate e apagouse a luz.
Porque na xogada seguinte, minuto 53, David Feito comete un erro de infantil intentando saír co balón en condución na súa propia área de castigo. Yun róuballo e cruza por alto ante Edu. Era o 2-0 e a sentenza para un Pontevedra sen capacidade de reacción nin ideas, que unicamente volvería crear perigo no minuto 80, cun remate de Benja que Damián manda outra vez a corner.
LARACHA, C.F. (2): Damián (3); Raúl (2), Fandiño (2), Beto (2), Jorge (2); Javi Villar (3), Rebolo (2); Santi Bouza (2), Kevin (2), Denís (2); e Yun (3).
Substitucións: Martín (1) por Yun, minuto 64. Emilio (s.c.) por Denís, minuto 79. Iván (s.c.) por Raúl, minuto 90.
PONTEVEDRA, C.F. (0): Edu (1); Adrián (1), Pablo (0), Miguel (0), David Feito (0); Tubo (1), Candela (1), Moreira (0), David Pérez (0); Benja (1) e Luismi (2).
Substitucións: Pablo Lede (2) por Moreira, minuto 46. Carneiro (1) por David Pérez, minuto 46. Buba (1) por Candela, minuto 63.
Árbitro: Pablo Álvarez Calderón (Vigo), auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez Martínez e Carlos Alberto González Fernández. Expulsou por dobre amoestación a Miguel (Pontevedra) no minuto 89. Amoestou a Beto e Martín, polo Laracha, e a Adrián, Candea e Benja, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 43: Javi Villar, en lanzamento de falta directa dende a frontal que se coa pola escuadra. (2-0) Minuto 53: Yun rouba a pelota a David Feito e bate a Edu cun disparo cruzado de abaixo a media altura.
Incidencias: Campo Municipal da Laracha. Algo menos de 200 espectadores.
VESTIARIOS:
MANU MOSQUERA: O adestrador local era a viva imaxe da felicidade, e non era para menos: "Pensar en gañalo ao Pontevedra 2-0 e que fose doado, non podemos dicilo. Eu creo que foi complicado, pero si é verdade que fomos superiores e fomos madurando o partido levándoo cara ao noso terreo, sobre todo co balón. Iso xa na primeira parte a eles lles creou moitas dúbidas, ao ver que non tiñan o balón, que non chegaban a tempo para roubalo, e logo fórono arrastrando quizais para despois do segundo gol baixar un pouco os brazos, pero se o meu equipo non chega a poñer a intensidade e o ritmo que puxo tería sido imposible, porque en fronte tiñamos un rival moi forte e moi bo, que fixeron cousas boas durante a primeira parte, pero que ao non lle saír, logo si tivemos ese chisco de sorte na segunda parte co tiro ao pau, que foi a ocasión máis clara deles. Todo o demais creo que o fixemos nós, por iso penso que o resultado é xusto, porque fomos superiores e levamos o control".
Nando: "Todo o que digades é pouco. Non se pode competir sendo tan brandos"
NANDO: Non buscou escusas ao mal xogo e ao rendemento do seu equipo o técnico granate: "Todo o que digades é pouco. Non teño moito máis que dicir. Non se poden dar tantas facilidades defensivas como nós damos. Se un non se fai forte en defensa é complicado poder gañar un partido. Tivemos as nosas oportunidades, non as aproveitamos, e na única vez que chegan márcannos, porque as oportunidades que crearon eles sempre foron en erros defensivos nosos".
Ao ser preguntado por esa debilidade defensiva e a pesar dela rematar cun xogador expulsado, Nando dixo: "Máis claro non podemos dicir as cousas. Repito que calquera cousa que digades será pouco. Non se pode competir sendo tan brandos, iso o primeiro. Non se poden dar tantas opcións ao rival. A nós, aos nosos dianteiros, as defensas cómenos e nós damos moitas facilidades a calquera rival. O equipo en ningún momento ten estado á altura do que se esperaba e fomos como ti dis un equipo moi feble en todos os aspectos".
Nando non se explicaba a transformación negativa do seu equipo con relación ao partido fronte ao Compostela: "ÿ o que quixese saber. Un xa non sabe que pensar ou que dicir. Este equipo se non ten a actitude que tivo o outro día co Compostela somos un equipo calquera de Terceira División e se queremos estar arriba e non demostramos ilusión é moi difícil que poidamos estar".
Nando: "Se hai algún momento que pensan que son eu o culpable de todo isto, pois que se tome a solución que se teña que tomar"
Con respecto a se este novo revés o faría tomar medidas para o próximo partido, o técnico comentou: "Sei que isto para a afección é un pau gordo e para min tamén o é. O que está claro é que ao mellor hai algún que non o asimila así, pero eu son o primeiro responsable e o primeiro que o asumo. Agora teño que ter calma, porque agora mesmo estou moi fodido e en quente poderías dicir ou facer moitas cousas. O único que digo é que isto o teñen que sacar adiante os xogadores. Se hai algún momento que pensan que son eu o culpable de todo isto, pois que se tome a solución que se teña que tomar".