O circuíto de carreiras virtual Poio Móvese péchase con 80 deportistas participantes
Por Redacción
Un total de 80 persoas tomaron parte no Circuíto Virtual de Carreiras Populares Poio Móvese, iniciativa impulsada pola concellería de Deportes ao longo do pasado mes de maio.
A través dunha aplicación gratuíta, ofrecíase a posibilidade de cubrir os circuítos das carreiras populares que se organizaban no municipio antes da pandemia, a modo de promoción da actividade física saudable.
En concreto eran catro os itinerarios: Campelo (5 quilómetros), Samieira (7,7), Lourido-Combarro (5,9) e Raxó (4,6).
A edil de Deportes de Poio, fixo unha valoración positiva da experiencia "tendo en conta que se trataba dunha iniciativa piloto. O feito de que se rexistrasen 80 persoas para nós supón unha gran satisfacción e demostra as gañas que ten a cidadanía de practicar hábitos saudables, adaptándose ás medidas sanitarias pertinentes", sinalou.
Tras este circuíto virtual, a intención do goberno municipal, asegura Caldas, é recuperar as carreiras populares presenciais canto "teñamos todas as garantías sanitarias", co desexo de que "o vindeiro ano os e as amantes das carreiras poidan volver a atoparse para gozar das nosas carreiras populares".