Pontevedra e a carreira Ponle Freno pola seguridade viaria volven ir da man en formato virtual
Por Redacción
Por segundo ano consecutivo Pontevedra non poderá gozar presencialmente da carreira Ponle Freno, pero a cidade seguirá sendo un dos referentes desta iniciativa pola seguridade viaria.
Así, a Boa Vila manterase como unha das embaixadoras do evento virtual Ponle Freno 2021 xunto ás outras seis cidades que xa formaban parte do circuíto impulsado por Atresmedia antes da pandemia (Vitoria, Madrid, Badalona, Zaragoza, Málaga e Las Palmas), ademais de Valencia, Santander e Sevilla.
En canto á carreira virtual "celebrarase de maneira sincronizada en toda España a fin de semana do 19 e 20 de xuño" con fins solidarios, tal e como explicou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández na presentación celebrada na Praza de España coincidindo co inicio dunha campaña promocional, coa instalación dun tótem e cartelería.
"A nosa cidade contará cunha forte presenza de Ponle Freno nas súas rúas coa finalidade de dinamizar a participación cidadá e de que entre todos contribuamos a bater un novo récord e a destinar fondos a un proxecto de axuda a vítimas de accidentes de tráfico, nesta ocasión para o Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo", sinalou o edil pontevedrés.
A carreira levarase a cabo en dous días, desde as 6:00 horas do sábado 19 de xuño ata as 23:00 horas do domingo 20 de xuño. Durante este período, os participantes poderán completar a distancia seleccionada, de 5 ou 10 quilómetros, e a través da aplicación previamente descargada no móbil subir o seu resultado. A páxina www.ponlefreno.com publicará circuítos recomendados nas distintas cidades, e as clasificacións estarán dispoñibles na web para partir do luns 21 de xuño.
Ao tratarse dun evento solidario será posible realizar unha achega aínda que non se vaia a participar a nivel deportivo.
Relacionadas:
-
A carreira Ponle Freno desembarca en Pontevedra para axudar ás vítimas de accidentes de tráfico
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
A carreira Ponle Freno regresa a Pontevedra cun novo circuíto pola Xunqueira de Alba
Por Manu Otero |
-
O circuíto de carreiras Ponle Freno volverá facer escala en Pontevedra o 18 de xuño
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá ser unha das dez cidades embaixadoras da carreira Ponle Freno
Por Redacción |