Primeira derrota do Poio Pescamar (6-2) en Murcia fronte ao Roldán FSF
Por Redacción
Á terceira xornada caeu o Poio Pescamar, e fíxoo en Murcia fronte ao equipo do Roldán FSF, despois de conseguir mandar no marcador ata o descanso.
As rapazas de Marcio Santos repuxéronse ao gol inicial das murcianas, que se adiantaban aos oito minutos cun gol de Maite Mateo, tras xogada con Pepa, conseguindo o empate só tres minutos máis tarde ao aproveitar Claudia unha pelota solta na área.
Charo adiantaba ás "rojillas" no marcador no minuto 13, resultado co que se chegaría ao descanso, a pesar do pulo do conxunto local, que se fixo dono do partido.
O dominio local deu os seus froitos pouco despois do descanso, cando Marta Peñalver, tras un roubo de balón, conseguía o empate e só dous minutos máis tarde de novo Maite marcaba, poñendo o seu equipo por diante no marcador, aproveitando un balón rexeitado nun remate de Martita.
A murciana Claudia sentenciaba mediado o segundo tempo, cun remate que entrou pola escuadra, case sen ángulo, obrigando ao Poio a abrirse en busca de reducir diferenzas, deixando espazos que aproveitou o Roldán para ampliar a conta, primeiro cun novo gol de Maite, o terceiro na súa conta particular, e logo, xa co Poio intentando recortar coa opción de porteira-xogadora, pechando o tenteo co 6-2 definitivo que lograba Miriam a escasos segundos do final do partido.
ROLDÁN F.S.F. (6): Sonia; Maite Mateo, Inma Sojo, Claudia, Marta Pelegrín -cinco inicial-, Cente, Marta Peñalver, Pepa, Poveda e Miriam.
POIO PESCAMAR (2): Silvia; Charo, Claudia, Ceci e Kiko -cinco inicial-, Paloma, Yoly, Peke, Carmen e Elena.
Árbitros: José Antonio Claro García e José Joaquín Navarro Guardiola (Murcia). Non houbo amoestadas.
Goles: (1-0) Minuto 8: Maite.(1-1) Minuto 11: Claudia. (1-2) Minuto 13: Charo.(2-2) Minuto 24: Marta Peñalver. (3-2) Minuto 26 Maite. (4-2) Minuto 30: Claudia. (5-2) Minuto 34: Maite. (6-2) Minuto 40: Miriam.
Incidencias: Pavillón Municipal Gabriel Pérez (Murcia). Uns 200 espectadores.