Suma e segue do Teucro que volve vencer (27-35) de forma contundente na pista do Ereintza Aguaplast
Por Redacción
Victoria clara e con autoridade do Teucro que foi moi superior ao Ereintza en todo momento, conseguindo dous novos puntos que lle permiten manter a segunda praza da clasificación ao ronsel do Barcelona B, e polo tanto en posto de ascenso directo á Liga Asobal.
Certo que o rival parecía doado. O Ereintza Aguaplast, descendido a pasada tempada e devolto a categoría polo ascenso do Bidasoa para cubrir a praza do desaparecido Atlético de Madrid, é o último, cun equipo moi renovado, pero sempre ofrece resistencia na súa pista, á calor do seu público, o que concede maior mérito á vitoria azul, ao demostrar que o seu novo equipo non se engurra en ningunha circunstancia nin contra ningún rival.
E ese carácter loitador deixouse notar moi pronto. Tras uns primeiros compases de igualdade e vantaxes mínimas, o equipo de Javier Barrios tomou a iniciativa e o mando do partido, conseguindo superar a presión do rival e do público para empezar a tomar distancia no marcador, e iso a pesar dunha actuación arbitral que parecía empeñada en manter aos locais metidos no partido (ata en tres ocasións deixaron ao Teucro en dobre inferioridade na pista).
Así se chega ao minuto 18 cun aínda axustado 8-10, pero un parcial demoledor de 0-4, pon o Teucro cunha vantaxe de seis goles (8-14) no minuto 22 de partido, que parecía romper o choque, pero nada máis lonxe da realidade. Os locais non baixaron os brazos e foron reducindo pouco a pouco ata chegar ao descanso cunha desvantaxe de tres goles, que lles permitía soñar con darlle a volta ao marcador.
Carlos García foi autor de 14 dos goles teucristas
Pero tras o descanso o Teucro saíu demoledor. Cun novo parcial de 0-4 nos primeiros cinco minutos, colócase con sete goles de vantaxe (14-21), atando as mans ao conxunto a vasco cunha defensa sólida, sen fisuras, con un Carlos García en plan estrela, autor de 14 dos goles do equipo teucrista, que resultou un auténtico pesadelo para o conxunto vasco, e cun debut prometedor do mozo Iván Fernández, que logrou dous magníficos tantos. Foi definitivo.
O Teucro foi administrando a renda para chegar a un final cómodo e sen apuros, mesmo incrementando a vantaxe ata conseguir a maior diferenza de todo o partido, deixando claras proba da súa superioridade e do seu excelente momento de xogo e confianza de todos os seus xogadores.
EREINTZA AGUAPLAST (27): Joseba Zabala, Román Dupuy (p.s.); Daniel Solano (2), Jon Imanol Vázquez (9), Ioritz Huete, Iker Garmendia (3), Aritz Tolaretxipi (4), Oier Aguado, Alexis Gimeno (3), Eduardo Ágreda, Mikel Iraeta (6), Aritz Otegui, Gil Lozano e Unai Rodríguez
S.D. TEUCRO (35): Juan Bar, Dani Cadilla (p.s.); Marcos Dorado (2), Carlos Pombo (1), David García Pichel, Alejandro Pombo (2), David Chapela (2), Miguel Porto (3), Tomás Moreira (5), Víctor Rodríguez Costas (1), Iván Fernández (2), Carlos García (14), Borja Pedreira (1) e Miguel Sío (2).
Árbitros: Álvaro Ruiz González y David Zapico Fernández (Asturias). Excluiron por dous minutos a Jon Imanol Vázquez, Aritz Tolaretxipi (3, descualificado), Álex Pombo, David Chapela, Miguel Porto (2), Carlos García e Borja Pedreira.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 5-5, 7-7, 8-12, 11-15, 14-17 (descanso), 15-21, 17-22, 19-24, 21-28, 24-31 y 27-35 (final).
Incidencias: Polideportivo de Galtzaraborda (Rentería-Guipuzkoa). Uns 200 espectadores.