Proba de lume para o Pontevedra na súa visita o Laracha
Por Ramiro Espiño
Non se pode dicir que o comezo ligueiro, fronte a rivais procedentes case na súa totalidade de Rexional Preferente, lle fose ben ao Pontevedra. Dez puntos de 18 posibles non é bagaxe para a que se supón como máximo favorito do campionato. Os mesmos puntos que acumula o rival desta xornada, o Laracha C.F., outro modesto recén chegado, pero que tras as dúas primeiras xornadas pagando a novatada, parece terlle tomado o pulso á categoría con tres vitorias e un empate nos catro últimos partidos.
Todo iso e o rendemento irregular que está a ter o conxunto granate, converten o partido que ambos os dous equipos disputarán no Municipal da Laracha o domingo (12:00 horas), con arbitraxe de Pablo Álvarez Calderón (Vigo), nunha proba de lume para o equipo que adestra Nando, a quen unha nova derrota, e especialmente a imaxe que poida ofrecer o conxunto, incrementaría as dúbidas dunha afección que empeza a cuestionar seriamente o técnico.
Precisamente a afección confía en que o equipo tomase nota do camiño a seguir en liga co sucedido na segunda parte do partido de Copa Federación, fronte ao Compostela. A pesar da aliminación, os seguidores granates aplaudiron con forza a actitude, a intensidade e as ganas con que se empregaron os xogadores, deixando claro que iso é o que se espera deles en cada partido.
E ese rendemento dalgúns dos protagonistas, ademais do feito de que o partido se dispute sobre unha superficie sintética, tamén levou a Nando a meditar a posibilidade de realizar cambios no once inicial que se enfronte ao Laracha, do que sae Santi Domínguez, que arrastra ademais lixeiras molestias físicas, e no que podería ter cabida Buba, protagonista con dous goles fronte ao Compostela.
Así, tras o último adestramento semanal, realizado na mañá do sábado en Príncipe Felipe, Nando confirmou a convocatoria, con dous cambios con relación ao partido fronte ao Bertamiráns, causando baixa por decisión técnica Richi e Santi Domínguez, para dar entrada a Buba e Pablo Carnero, reposto das molestias que lle impediron actuar a pasada semana.
Deste modo a lista de convocados queda formada por: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Pablo, Miguel, Candea, Moreira, Pablo Lede, Tubo, Benja, David Pérez, Fran Fandiño, Buba, Luismi e Pablo Carnero.
Pola súa banda o equipo coruñés confía en dar a sorpresa. As vitorias a domicilio en campos tan complicados como os de Bouzas e Barbadás, ademais do empate na casa co Deportivo B, fan pensar á escuadra que dirixe Manu Mosquera que os puntos poden quedarse na súa cuadrícula, aínda a pesar das baixas que ten o equipo, que non poderá contar con Edu, Andrés, Josiño, Carlos, Dani Bea e Miguel Taibo, o que malia recuperar a Emilio lle deixa con só 15 homes dispoñibles, completando a convocatoria co xuvenil Sergi.