Goleada do Marín Futsal sobre o Valdetires para seguir con opcións de ascenso a primeira (4-9)
Por Redacción
Carolina Pernas/Ferrol360
O Marín Fusal segue na pelexa polo ascenso despois de protagonizar un dos seus mellores partidos fronte o Valdetires, levándose o pase ao play-off polo ascenso e o triunfo en Esteiro cun contundente 4-9 final.
Aínda que en posicións distintas na táboa, as dúas escuadras parécense en moitos aspectos e iso deixouse ver durante a primeira metade, de ida e volta. Que o duelo ía ser dos ataques e non das defensas tamén se deixou notar. Non houbo período de tenteo, os lanzamentos empezaron xa nos minutos iniciais e ambas as porteiras tiveron moito traballo os 40 minutos regulamentarios.
O Valdetires viviu a mellor das súas ocasións no 5 cunha gran xogada combinativa na que o remate non chegou a tempo. Con todo, foron as ferrolás as que abriron o marcador no 8 cun lanzamento directo de Erika en saque de falta que dobrou as mans da meta rival para acabar nas mallas. A alegría durou pouco na casa verde, xa que o Marín logrou o empate poucos segundos máis tarde ao recoller María un rexeite no bordo da área e esquivar á porteira local Andrea.
O partido volvía á igualdade e as visitantes non deixaban de presionar. Erika sumábase ao ataque cando podía pero os seus lanzamentos en xogo onte non atoparon a rede. Polo menos seis deron en Antía ou se marcharon por moi pouco. Mentres tanto, a habilidosa Café conseguía resolver nun man a man ante Andrea e poñía ao seu equipo por diante.
Do mesmo xeito que antes, a alegría das azuis durou pouco, porque Paula Fandiño viu á meta pontevedresa adiantada e anotou un lanzamento en parábola desde campo propio para alegría dos afeccionados ferroláns. E aquí entran os tempos verbais, porque se Ceci non atopase pouco máis tarde un balón rexeitado no bordo da área para anotar o 2-3, o Marín non se marcharía en vantaxe ao descanso como finalmente ocorreu.
A saída do segundo tempo foi outro deses momentos que deixou ver que non era o día do Valdetires. Ata tres veces consecutivas nun minuto tentárono as xogadoras verdes en ocasións claras pero que non entraron, mentres que, no 22, o Marín aproveitou de forma excelente as súas dúas primeiras oportunidades deste período para poñerse con vantaxe de tres goles no marcador. Había moito tempo, pero tamén nervios e frustración nas filas do equipo dirixido por Fran Toba que non parecía atopar, como grupo nin individualmente, a forma de volver ao duelo.
Un contragolpe trouxo o 3-5 cando Café tentou cortar o pase de gol e terminou marcándolle á súa propia porteira. E aí chega outro houbese, porque se o disparo que Yanira estrelou no pau pouco despois entrase, as ferrolás puidesen volver competir. Pola contra, o Marín ampliou a súa vantaxe con senllos tantos e, aínda que se puxeron con cinco faltas, a única ocasión de disparar un dobre penalti para as verdes chegou no seu peor momento anímico, con 3-7 no marcador. E foise fóra. O Valdetires esfiañábase polas costuras e foron poucas as que mantiveron a intensidade e concentración ata o final.
Houbo máis tantos, un de Sheila 'Peli', minguada fisicamente e un lanzamento de dobre penalti a escasos segundos para o final que transformou o Marín, pero o partido xa se resolvera antes, cando ao grupo verde apagóuselle a esperanza, deixando o pavillón de Esteiro ás escuras e á espera do próximo ano.
Valdetires Ferrol: Andrea, Erika, Peli, Diana, Susi -equipo inicial-; Yanira, Carol e Paula Fandiño
Ence Marín Futsal: Antía, Ceci, Café, Jessi, Pau -equipo inicial-; Mar, Run, María León e Marta.
Árbitros: Comité galego. Viron tarxeta amarela polas locais Susi, Diana, Carol, Peli, Erika e o delegado; e polas visitantes Jessi.
Goles: 1-0, min. 8: Erika; 1-1, min. 8: María; 1-2, min. 16: Café; 2-2, min. 16: Paula Fandiño; 2-3, min. 17: Ceci; 2-4, min. 22: Marta; 2-5, min. 22: Pau; 3-5, min. 26: Café, en propia porta; 3-6, min. 29: Mar; 3-7, min. 33: Marta; 3-8, min. 38: María; 4-8, min. 38: Peli; 4-9, min.40: Marta, de dobre penalti.
Pavillón: Esteiro, ante uns 70 afeccionados, máximo permitido pola Xunta.
Relacionadas:
-
Homenaxe 'de Primeira' para o Marín Futsal
Por Redacción |
-
O Marín Futsal supera o Joventut D'Elx e xa é equipo de Primeira (5-7)
Por Almu Dapena |
-
Elxe, sede da fase final do Marín Futsal polo ascenso a Primeira
Por Redacción |
-
Os penaltis dan o pase ao Marín Futsal á segunda eliminatoria polo ascenso a Primeira
Por Redacción |
-
Derrota copeira dun Marín Futsal que plantou cara ás vixentes campioas (2-5)
Por Redacción |