O Cisne xuvenil non pode co Granollers e xogarase o pase ás semis esta tarde co Cajasur
Por Manu Otero
Primeira derrota dos xuvenís do Dicsa Modular Cisne na liguiña da fase final do campionato de España. Os brancos plantaron cara a un dos favoritos para facerse co título, o Granollers, pero unha mala primeira parte condenou aos de Víctor Castro a ir a remolque todo o partido.
Apertaron no segundo tempo, pero a reacción non foi suficiente para obrar a remontada. Esta tarde, a partir das 18 horas, os pontevedreses xóganse o pase a semifinais contra o Cajasur, que polo momento conta os seus dous partidos por derrota.
Tentárono os de Castro por todos os medios. Sobre todo da man de Carlos Álvarez, que volveu ser o mellor dos pontevedreses ao anotar outra vez once tantos.
Fóronse os pontevedreses cunha desvantaxe de novo goles ao descanso e, tras a continuación, foron incapaces de voltear o marcador. O Granollers soubo administrar a súa renda sen pasar grandes apuros e só nos últimos minutos os brancos maquillaron o resultado para acabar co definitivo 36-30 no marcador que deixa ao Cisne asentado na segunda posición do grupo.
Para manter o posto deben gañar esta tarde de venres a Cajasur. Aínda que se non o conseguen, as opcións de pasar a semifinais dependerán da diferenza de goles entre pontevedreses, Cajasur e Eldense, sempre que os anfitrións non derroten ao Granollers.
Relacionadas:
-
Honras ao Cisne xuvenil campión de España: "Para Pontevedra é un orgullo"
Por Diego Espiño |
-
O Cisne vence o Barça e proclámase campión de España xuvenil (32-34)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne xuvenil fai historia superando o Anaitasuna e xogará a final do campionato de España (40-28)
Por Almu Dapena |
-
Os xuvenís do Cisne vencen e métense en semifinais do campionato de España (28-24)
Por Manu Otero |
-
Boa estrea do Cisne na fase final do Nacional xuvenil, vencendo o anfitrión BM Elda (23-32)
Por Redacción |