A renovación de Georgina Bland, primeira pedra do novo proxecto do Ravachol despois do descenso
Por Redacción
Consumado o descenso do primeiro equipo á segunda división nacional e a falta de disputar unicamente os campionatos de España individuais, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra céntrase xa na planificación da próxima tempada e na confección do plantel.
A dirección deportiva espera que o bloque dos últimos anos varíe o menos posible e márcase como "prioridades absolutas" as renovacións de xogadores como Manuel Brea, Ana Carbón, Noelia Gestoso e os capitáns Alex Nogueira e Raquel Miguens.
Neste sentido, fan oficial a primeira renovación para o próximo curso. A xogadora inglesa Georgina Bland, que chegou a Pontevedra para dar un salto de calidade en División de Honra, onde se converteu na mellor xogadora de individual feminino da liga seguirá baixo a disciplina do cadro lerezano un ano máis. "Noutros equipos onde xoguei, unicamente viaxaba desde Londres, xogaba e de novo a casa. A sensación de familiaridade que me achegou este equipo non a vivín antes, e quero quedarme porque estou moi contenta cos meus compañeiros e co club", detallou Bland as razóns para aceptar a oferta de renovación.
"Desde o club fixemos un enorme esforzo para seguir contando con Gina a pesar do descenso. Quero agradecerlle o seu compromiso connosco, xa que priorizou seguir en Pontevedra por diante de grandes ofertas de clubs europeos que nada teñen que ver connosco no deportivo nin no económico", sinala o director deportivo do club, Jesús Pereiro.
Deixando atrás o "annus horribilis que foi a tempada en División de Honra", o Ravachol afronta con ilusión o próximo reto. "A tempada foi moi dura, pero tamén serviu como aprendizaxe e experiencia de fronte ao futuro. Temos un equipo moi novo e un club con poucos anos de vida, debemos aprender, mellorar e mirar ao futuro coa ilusión que sempre caracterizou este proxecto", conclúe Pereiro.
Doutra banda, ata Santander desprazouse Raquel Miguens para disputar unha proba de máster nacional senior. A capitá do primeiro equipo volveu demostrar o seu nivel nunha proba de máxima categoría nacional, ao vencer tanto na modalidade de dobres feminino como en dobres mixto.
Relacionadas:
-
O Ravachol renova á súa xoven promesa, Ania Setién
Por Redacción |
-
Georgina Bland dálle ao Bádminton Ravachol a súa primeira alegría da tempada
Por Redacción |
-
A Federación Española ofrece ao Bádminton Ravachol unha praza en División de Honra
Por Diego Espiño |
-
A ampliación da División de Honra abre unha vía ao Bádminton Ravachol para tentar seguir na máxima categoría
Por Diego Espiño |
-
O Bádminton Ravachol avanza na súa planificación deportiva renovando a Gabriel Fernández
Por Redacción |
-
Manuel Brea convértese na segunda renovación do Bádminton Ravachol
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol certifica o seu descenso con derrota ante o Rinconada (5-2)
Por Almu Dapena |
-
Semana de infarto para o Bádminton Ravachol pola supervivencia na División de Honra
Por Redacción |