Pontevedra e Compostela buscan o pase á final autonómica da Copa Federación
Por Ramiro Espiño
A Copa Federación na súa fase autonómica busca finalista. Pontevedra e Compostela loitarán por unha praza en Pasarón (xoves, 20:30 horas) no partido de volta das semifinais, nunha eliminatoria na que o cadro compostelán parte con lixeira vantaxe ao defender o 2-1 conseguido no partido de ida disputado en San Lázaro.
O vencedor enfrontarase na final ao C.D. Ourense que se impuxo ao Alondras.
Ademais do aliciente de ver en acción o seu equipo ante un conxunto de superior categoría, para os afeccionados locais o partido ten o interese de observar as evolucións de xogadores como Javi Otero, que ata agora practicamente non dispuxeron de minutos, debido ás lesións, aos que Nando posiblemente aproveite para que adquiran o ritmo de competición necesario.
O técnico granate terá á súa disposición a case todo o equipo, aínda que reservará algúns dos xogadores que ata agora tiveron o cartel de titulares, para non cargalos de cara ao compromiso do próximo domingo, fronte ao Laracha, que ademais será en sesión matinal, xa que a hora fixada polo conxunto coruñés para o comezo do partido é as 12 da mañá.
Pola súa banda Fredi decidiu que viaxe todo o equipo, aínda que se quedarán sen xogar Yahvé, Fondevila e Diego Rey, aínda en proceso de recuperación das súas respectivas lesións, mentres que posiblemente, como xa fixese no partido de ida, deixará no banco ao comezo a algún dos seus xogadores claves.