O Froiz celebra o Día das Letras Galegas cun dobrete no campionato autonómico
Por Redacción
O Día das Letras Galegas serviu tamén para celebrar o campionato galego de ciclismo en categoría masculina elite e sub 23 de fondo na estrada, no que o Supermercados Froiz bañouse en ouro. O vigués Roberto Mediero revalidou o título en categoría elite, mentres que o ponteareán Manuel Rodríguez foi o número uno en categoría sub 23. Con todo, o primeiro en cruzar a meta foi o madrileño do Caixa Rural, Pablo García.
Nun trazado de 176 quilómetros con final fronte ao Auditorio Mar de Vigo, García foi capaz de resolver ao seu favor unha escapada de seis corredores, ningún deles de orixe galega, que se orixinou a 11 quilómetros da meta.
O máis rápido entre os ciclistas que optaban ás camisolas autonómicas foi o defensor do título elite Roberto Mediero, quen soubo aproveitar o traballo do seu equipo para ocupar o posto décimo oitavo na clasificación absoluta e bater aos seus paisanos Raúl González e Ginés López.
O dobrete do Froiz, que coou no quinto posto da xeral a Ramón Fernández, completouno Manuel Rodríguez que foi o primeiro galego sub 23 en cruzar a meta no medio do pelotón. Os seus perseguidores polo título autonómico, Iván Feijoo e Anxo Maneiro, chegaron nove minutos máis tarde que os primeiros.
Celebrado só un día despois que a proba da Copa de España e no mesmo circuíto, o campionato galego resultou ser unha carreira máis descontrolada que a de ámbito estatal. Con 170 participantes, a saída desembocou nunha fuga de cinco ciclistas que se consolidou no quilómetros 30 e que, a pesar de alcanzar unha vantaxe de máis de cinco minutos, acabou sendo neutralizada no quilómetro 100.
Pero a unidade do pelotón tampouco durou e, na primeira subida ao Monte Alba produciuse outra fuga que tampouco alcanzou o éxito. Aos 20 quilómetros foron neutralizados por un pelotón no que xa só quedaban os corredores máis combativos. Entre Nigrán e Vigo os ataques sucedéronse e os seis elixidos lograron distanciarse ata disputar ao sprint o triunfo final.
Relacionadas:
-
O Froiz dispara ao pau no Trofeo Guerrita cun Pablo Alonso que colle o liderado elite da Copa de España
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz queda co mel nos beizos na xornada da Copa de España celebrada en Vigo
Por Redacción |
-
Xornada de Copa de España na 'casa' para o Supermercados Froiz
Por Redacción |
-
Supermercados Froiz e Farto mostran boa imaxe na Copa España pero regresan sen premio
Por Redacción |