O Cisne, brillante en defensa, esmaga o Gijón no Nacional Xuvenil (28-15)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Os xuvenís do Club Cisne esmagaron o Gijón no segundo encontro do sector Nacional que se está celebrando no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Os de Víctor Castro mostraron unha brillante imaxe en tarefa defensiva e manteñen intactas as súas opcións de avanzar á fase final do Nacional Xuvenil e meterse entre os oito mellores equipos do país.
O encontro comezou con dominio do equipo pontevedrés, que saíu mellor que o seu rival para mandar no marcador cun pequeno colchón de dous tantos ata o minuto 8 (4-2), momento no que o Gijón quedou cun xogador menos e o Cisne aproveitou para enviar á rede o que foi o 5-2.
A vantaxe dos brancos oscilaba entre 2 e 3 goles, controlando as chegadas do rival grazas a un inmenso Cerqueiro baixo paus que se convertía nun pesadelo do rival.
Alcanzábase a medianía do primeiro acto e o Cisne colocábase con catro goles de renda, máxima ata o momento. Co paso dos minutos foise facendo maior, obrigando ao técnico do Gijón a parar o cronómetro para axustar ao seu equipo en defensa, condenado polas exclusións. Os de Lérez pisaron o acelerador para colocar o marcador en 11-5, pero unha boa reacción dos asturianos cun parcial de 0-3 reviviunos para afrontar da mellor maneira o segundo acto (12-9).
O paso polos vestiarios sentou mellor aos gardametas, con senllas intervencións mantendo as porterías a cero ata pasado o minuto 3, cando o Gijón anotou o seu décimo gol, que os aproximaba aínda máis ao empate (12-10).
Un minuto despois, e con dificultade, o Cisne anotou o seu primeiro gol desta segunda metade ante unha forte defensa asturiana que non deixaba espazos e complicaba o partido aos brancos, sumado ás imprecisións e perdas de balón, convertidas en protagonistas.
Reaccionaron os de Víctor Castro pouco antes do cuarto de hora, anotando o 15-11 que lles daba certo respiro ante un Gijón que aguantaba o tirón para manterse vivo respondendo as chegadas cisneístas.
Ata aí chegou a inspiración asturiana. O Cisne endosou un 2-0 en contragolpe que colocou o marcador en 18-12 cando se alcanzaba o minuto 17, obrigando ao rival para pedir tempo morto.
Nese momento o club branco freou ao Gijón e, esta vez si, controlou o partido facéndose cunha diferenza de 10 goles a falta de seis minutos para o asubío final (24-14).
Coa vitoria no peto, Castro deu paso aos menos habituais, que gozaron dos últimos instantes dun partido brillante en defensa do seu equipo.
O partido concluíu en 28-15, consolidando ao Cisne nunha primeira praza que se decidirá este domingo ás 12:00 ante o outro favorito, o Ademar León, que venceu 26-16 ao Bidasoa.
Relacionadas:
-
'Operación quilómetro' no Cisne para financiar a viaxe dos seus xuvenís ao Campionato de España
Por Diego Espiño |
-
Romper o teito histórico do club, un soño para o Cisne xuvenil na fase final do Campionato de España
Por Redacción |
-
Os xuvenís do Cisne métense na fase final do Nacional tras empatar co Ademar León (24-24)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Convincente estrea do Cisne no sector do Nacional Xuvenil superando con claridade o Bidasoa (30-23)
Por Diego Espiño |
-
O Cisne, a por todas como local nun sector do Nacional Xuvenil "complicado"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra será sede dun dos sectores do Campionato de España Xuvenil Masculino de balonmán
Por Diego Espiño |
-
Os xuvenís do Cisne esmagan ao Luceros e proclámanse campións da Liga Galega (29-34)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |