O Team Farto fai balance da súa primeira gran rolda profesional por etapas, a Volta Comunitat Valenciana
Por Redacción
A Setmana Valenciana - Volta Comunitat Valenciana converteuse entre o 6 e o 9 de maio na primeira gran rolda por etapas profesional na que participa o Team Farto - BTC.
Foi unha proba marcada pola dureza, con catro xornadas con numerosos portos, coa presenza de vento e tamén con caídas que elevaron a dificultade. A pesar diso o equipo pontevedrés conseguiu chegar á última etapa con todo o equipo en carreira e concluír con seis das súass sete ciclistas.
O seu mellor resultado conseguiuno a holandesa Agnieta Francke, que na terceira etapa finalizou en sexto lugar meténdose no sprint polo triunfo parcial. En canto á xeral, foi a mellor do equipo no 60º posto lonxe da vencedora Annemiek Van Vleuten (Movistar).
En canto ao resto de ciclistas aproveitaron a Setmana Valenciana para sumar quilómetros de competición e adquirir experiencia en carreiras de máximo nivel. Entre elas estaban as xóvenes de 19 anos Sara Bonillo e Pilar Jiménez ou Enara López, tentando coller ritmo recuperada do atropelo que sufriu en pretempada.
"Era unha volta moi dura, pensada para que competisen todos os equipos de división mundial. Foi unha honra ser convidados", analizou tras a proba o mánager do Farto, Brais Dacal.
"O que lograron Sara ou Pilar, xunto con Enara, que volve do grave atropelo, é para destacar. Acabar esta volta non é fácil para ninguén, así que fixeron unha papeleta. Liliana e Sandra tamén estiveron moi ben, con algún día moi bo. Tere tivo mala sorte pero loitou todo o que puido tras a caída masiva na que se viu involucrada na terceira etapa. Estamos orgullosos de todas", finalizou o responsable da formación.
Tras esta cita o Farto, único equipo profesional UCI Continental de Galicia, continuará co seu calendario participando nos próximo días en dúas clásicas en Navarra, no Gran Premio Ciudad de Eibar e na Durango-Durango.
Relacionadas:
-
Supermercados Froiz e Farto mostran boa imaxe na Copa España pero regresan sen premio
Por Redacción |
-
O Farto mira cara ao inicio da Copa de España tras asinar un sétimo posto en Valencia con Agnieta Francke
Por Redacción |
-
O Farto pisa o podio na súa primeira carreira como equipo profesional
Por Andrea Sánchez Barreno |