A Escudería Salnés Motor culpa á Federación Galega do conflito polo nome do Rally do Albariño
Por Diego Espiño
Os antigos organizadores do Rally do Albariño, a Escudería Salnés Motor, saíron ao paso da polémica xurdida polo intento da Escudería Congostra Team Sanxenxo de recuperar a mítica proba automobilística.
O equipo de Sanxenxo anunciou recentemente o cambio de nome da proba, pasando a chamarse III Rally de Pontevedra - Memorial Miguel Álvarez, tras recibir un burofax no que se aseguraban que se lles ameazaba cunha denuncia por vía xudicial no caso de usar a denominación Rally do Albariño.
Desde Salnés Motor culpan á Federación Galega de Automobilismo (FGA) do sucedido, ao entender que "o traballo de informar, asesorar e guiar a calquera que organice unha proba deportiva recae na FGA", lamentando "a situación na que isto derivou para os membros da Escudería Congostra".
Segundo relatan a súa escudería foi dada de baixa no rexistro de asociacións da Xunta de Galicia por falta de actividade ao non renovar os seus estatutos, pero as persoas que a integran seguen vinculadas ao mundo do motor e "nunca ocultamos a vontade de recuperar o rally", sinalan.
É por iso que ao recibir un comunicado en outubro de 2020 co XIX Rally do Albariño incluído no calendario autonómico e sen que "ningunha escudería ou persoa física se poña en contacto connosco para informar do posible uso do nome", deciden iniciar "os trámites pertinentes". Neste sentido, defenden, "recoméndannos o rexistro do nome, o que procedemos a facer".
Tras este trámite, relatan, decidiron solicitar o cambio de denominación do rally ao ver a publicación do regulamento particular que "nos confirma que efectivamente se pretende levar a cabo. Facelo antes non sentiría porque cada ano hai varias probas pantasma calendadas".
A pesar de todo o sucedido Salnés Motor mandou unha mensaxe de apoio á Escudería Congostra Team, prexudicada pola situación xerada, asegurando que "temos a certeza de que este III Rally de Pontevedra vai ser un rotundo éxito, e comprácenos especialmente a mención a Miguel Álvarez que durante moitos anos botounos unha man (a nós e a todos canto lla pediron) merecendo este recoñecemento".
Relacionadas:
-
O Rally de Pontevedra, listo para o espectáculo: Estes son os seus horarios
Por Diego Espiño |
-
O Rally de Pontevedra segue adiante con Víctor Magariños na memoria
Por Diego Espiño |
-
Sanxenxo, "porto base" para un Rallye de Pontevedra que xa quenta motores
Por Redacción |
-
O renacido Rally do Albariño pasa a chamarse Rally de Pontevedra por unha disputa de marca
Por Diego Espiño |
-
Sanxenxo e Ponte Caldelas quentan motores para o Rally do Albariño
Por Redacción |
-
O Rally do Albariño regresa tras 12 anos de ausencia: "La intención es que sea para mucho tiempo"
Por Diego Espiño |