Trámite para o Cisne, partido a vida ou morte para o Teucro
Por Redacción
Dobre ración de balonmán para os afeccionados pontevedreses esta próxima fin de semana no Pavillón Municipal dos Deportes, aínda que con obxectivos moi diferentes para o Dicsa Modular Cisne e a Sociedad Deportiva Teucro.
Tras o seu descenso matemático, o Cisne quere gozar ao máximos o seu últimos catro partidos da tempada na máxima categoría, nos que espera darse algunha alegría en forma de vitoria.
Os de Jabato poden converterse en xuíces da competición, empezando pola visita este sábado 8 ao Municipal (20.00 horas) do BM Benidorm, undécimo clasificado.
Tras esta cita os pontevedreses contarán aínda con dous encontros máis en casa (Sinfín e Ángel Ximénez) e un a domicilio (Villa de Aranda).
Moito máis en xogo haberá o domingo (12.00 horas) na pista do Pavillón, cunha Sociedad Deportiva Teucro que loita por eludir o descenso a Primeira Nacional nunha segunda fase da competición que está nun puño.
Os azuis ocupan a última das prazas que darían a permanencia con 15 puntos, só un de vantaxe sobre o Ikasa Madrid, contra quen aínda debe xogar. En todo caso o rival nesta ocasión será un Amenabar Zarautz que conta con 18 puntos tras o seu triunfo entre semana ante o Sant Martí pero que segue baixo ameaza a catro xornadas para o final da tempada.
Nas contas dos de Irene Vilaboa non deben voar máis puntos do Municipal, polo que se espera un encontro de máxima tensión.
Polo menos o Teucro, do mesmo xeito que un día antes o Cisne, poderá contar cun bo número de afeccionados nas bancadas, ao recibir permiso para dar entrada a 500 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro, impotente en ataque, cae con claridade co Amenabar Zarautz (23-30)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne cae coa cabeza alta fronte o Benidorm (26-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Descenso matemático do Cisne tras perder na cancha do Bidasoa (29-14)
Por Diego Espiño |
-
O Teucro celebra o seu 76 aniversario con sorteos para os seus afeccionados
Por Redacción |
-
Sufrida e valiosísima vitoria do Teucro na pista do Trapagaran para escapar de postos de descenso (24-25)
Por Diego Espiño |