Os deportistas en idade benxamín poderán adestrar e xogar en instalacións municipais "a partir da próxima semana"
Por Redacción
O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, anunciou a súa intención de modificar o Protocolo de Uso das Instalacións Deportivas Municipais "para implementar a quinta fase de desescalada", coincidindo coa fin do estado de alarma e do toque de queda.
Esta decisión supón na práctica o acceso ás instalacións dos equipos e deportistas de categoría benxamín, nenas e nenos de 8 e 9 anos que ata o de agora non podían facer uso das mesmas a pesar das queixas dos clubs e as críticas doutras formacións políticas como o Partido Popular.
Tino Fernández lembra que o protocolo aprobado o pasado 26 de xaneiro "foi permitindo abrir os terreos de xogo e instalacións deportivas de maneira progresiva e segura ás categorías xuvenil, cadete, infantil, alevín e, agora, benxamín", aínda que sempre coa obrigatoriedade de compatibilizar o seu uso coas medidas adoptadas polo Goberno e a Xunta para controlar a expansión da covid.
De feito o edil lembrou que "en todo caso, as condicións de adestramento e competición dos pequenos deberán adaptarse ás limitacións e restricións que estableza a Xunta de Galicia na normativa que substitúa ao estado de alarma".
Por último o responsable municipal de Deportes defendeu a progresividade aplicada na apertura das instalacións "conseguindo que en ningún momento se producisen situacións de posibles aglomeracións puntuais que poñerían en risco aos usuarios e ao conxunto da poboación de Pontevedra".
Relacionadas:
-
As instalacións deportivas municipais tamén abren "ao longo desta semana" ás idades prebenxamín e biberón
Por Redacción |
-
O PP asegura que Pontevedra "é a única cidade na que nenos de menos de 10 anos non van poder xogar ao fútbol"
Por Diego Espiño |
-
O Concello confirma a apertura das instalacións deportivas desde categoría alevín
Por Redacción |
-
Os clubs deberán decidir que categorías priorizan para adestrar nas instalacións deportivas mentres continúe o toque de queda
Por Redacción |