Descenso matemático do Cisne tras perder na cancha do Bidasoa (29-14)
Por Diego Espiño
Acabouse o que se daba para o Dicsa Modular Cisne. Aínda que as esperanzas de permanencia na Liga Asobal, na súa primeira experiencia na máxima categoría, eran mínimas xa para os pontevedreses, apagáronse este mércores ao caer derrotado na cancha do poderoso Bidasoa de Irún, segundo clasificado.
Coa derrota, a falta de catro xornadas para a conclusión da liga, o Cisne é xa matematicamente equipo da División de Honra Prata, o que non resta nada de honra á fazaña que supuxo o seu debut en Asobal.
Os de Jabato necesitaban case un milagre, empezando por vencer a un dos mellores equipos da competición e na súa pista, e o certo é que protagonizaron un bo inicio de partido.
Apoiados nunha efectiva defensa, o cadro branco comezou dominando cun gol de Carró e dificultando moito a tarefa ao ataque local, que logrou un só tanto nos sete primeiros minutos de xogo. Con alternativas, e aínda que o Cisne tampouco vía porta con moita facilidade, a tendencia mantívose ata superado o ecuador do primeiro período (4-5, minuto 17).
Foi nese momento cando o férreo 6-0 defensivo do Bidasoa empezou a conxelar as ideas dos pontevedreses, aos que se lles apagaron as luces en ataque. Así, non volveron ver porta ata o descanso, á vez que o bloque vasco ía entoándose no lanzamento. O resultado, un parcial de 10-0 que deixaba case visto para sentenza o choque a falta da segunda metade (14-5).
Tardou dous minutos e medio na continuación o Dicsa Modular en poñer fin á súa seca, cun gol de Álex Chan (15-6), pero por entón o Bidasoa xa xogaba a pracer nunha segunda metade na que se limitou a controlar a súa vantaxe sen pasar apuros e mesmo ampliala nos últimos minutos.
A sorte estaba botada, só quedaba aproveitar a ocasión de xogar nunha cancha con tanta historia como a irundarra, que no seu momento viu levantar unha Copa de Europa aos seus. Gozar as catro xornadas que restan para o final da liga é agora o obxectivo do Cisne, un club que viviu todo un soño esta campaña e que, a recado, volverá dar guerra a próxima aínda que sexa na División de Honra Prata.
Consulta as estatísticas do partido entre CD Bidasoa Irún e Dicsa modular Cisne.
Relacionadas:
-
O Cisne loita ata o final pero termina caendo contra o Sinfín (30-31)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne cae coa cabeza alta fronte o Benidorm (26-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Trámite para o Cisne, partido a vida ou morte para o Teucro
Por Redacción |
-
"Disfrutar de la liga", obxectivo para un Cisne que pode certificar o seu descenso na cancha do Bidasoa
Por Diego Espiño |
-
O Cisne cae con orgullo ante un Valladolid superior (25-30)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Barça non da opcións ao Cisne (43-21)
Por Manu Otero |