O Waterpolo Galaico acumula experiencia no seu 'stage' de pretemporada en Portugal
Por Redacción
Gran pedra de toque para o Club Waterpolo Galaico Pontevedra a que tivo esta fin de semana en Portugal. Os equipos absolutos masculino e feminino disputaron catro amistosos nas cidades de Oporto e Lousada, un pola mañá e outro pola tarde cada un, que serviron aos waterpolistas pontevedreses para continuar coa preparación da nova tempada regular.
Na xornada matinal o CW Galaico Pontevedra foi recibido polo Clube Fluvial Portuense, un dos máis importantes clubs de Portugal. As rapazas xogaron un partido amistoso fronte a xogadoras do Fluvial, club campión de Portugal na categoría feminina absoluta. A adestradora portuense alineou 20 nenas de diferentes categorías equilibrando o nivel dos equipos, véndose así un partido moi igualado. As pontevedresas, con só 9 xogadoras e un equipo moi novo, aproveitaron ben este partido para continuar a súa formación.
A continuación o club local instalou un campo de waterpolo de dimensións olímpicas (30 x 25m) para o partido masculino, sendo a primeira vez que o CW Galaico Pontevedra xoga un partido en campo olímpico. Os pontevedreses medíanse a un dos catro mellores equipos lusos, aguantando ben o ritmo nos dous primeiros cuartos. A partir do segundo periodo os portugueses foron ampliando vantaxe. Foi un partido duro físicamente debido á intensidade dos locais e as dimensións da piscina. Tras catro meses sen xogar, o partido serviu ao cadro pontevedrés para volver entrar en ritmo de competición. O marcador final foi de 17-8 para o equipo luso.
Despois de comer en Oporto a expedición pontevedresa desprazouse a Lousada, onde foi recibido polo Lousada Século XXI. O primeiro partido foi de categoría feminina. Neste caso, o equipo local contaba cun equipo máis experimentado. A diferenza de experiencia entre ambos equipos quedou patente co marcador final de 14-1. As pontevedresas sacaron conclusións positivas, aprendendo algúns detalles técnicos e tácticos das rivais.
O último partido da xornada foi o de categoría absoluta masculina entre Lousada e CW Galaico Pontevedra. O partido comezou moi igualado no primeiro cuarto, pero segundo pasaba o partido, o Lousada foise escapando no marcador. A falta de acerto dos pontevedreses e a dureza do partido fixeron que a falta dun cuarto o marcador reflectise un 7-1 para os locais. Un bo último cuarto permitiu á os pontevedreses remontar cun parcial de 0-6, empatando o partido a 7 goles tralo pitido final.
Estes foron os primeiros partidos para os equipos absolutos do CW Galaico Pontevedra logo de catro meses de parón, polo que serán moi positivos de face ao comezo de tempada. Xogaron Yaiza, Geni, Patri, Yara, Carlota, Bea, Alex, Nahila e Mar, no equipo feminino; e Xoán, Mauro, Andrés, Pablito, Montojo, Bran, Raúl, Manu, Rubén, Rober e Juan, no masculino.