Poio impulsa un circuíto virtual de carreiras populares
Por Redacción
A concellería de Deportes de Poio acaba de presentar a primeira edición do Circuíto Virtual de Carreiras Populares Poio Móvese, co obxectivo de recuperar este tipo de eventos aínda que cun formato adaptado á situación actual de pandemia.
Tras ir recuperando aos poucos a actividade deportiva no municipio "agora é a quenda das probas populares. Somos conscientes de que o contexto no que nos atopamos aínda non é o axeitado para retomar este tipo de competicións de xeito presencial, xa que adoitan a congregar a un gran número de participantes. Por iso, apostamos por esta alternativa, que permite fomentar a práctica do deporte de xeito seguro", explica a edil Marga Caldas.
Desta forma o circuíto virtual permitirá ao longo do mes de maio completar os circuítos de carreiras populares que se incluían no circuíto Poio Móvese no ano 2019, antes da pandemia. Isto é Campelo (5 quilómetros), Samieira (7,7), Lourido – Combarro (5,9) e Raxó (4,6).
Poderase participar cubrindo, de maneira individual ou en grupos, os percorridos propostos co uso dunha aplicación gratuíta (Saudeter), na que quedarán rexistrados os tempos. Dispoñeranse de sete días para cubrir cada unha destas probas, e establecerase unha clasificación de todas as marcas dos rexistrados en catro categorías en función da súa idade. Ademais, estes circuítos poderanse completar correndo ou en modo andaina.
O itinerario de Campañó será o primeiro en estrear o circuíto virtual, podéndose completar entre os días 5 e 11 de maio. Despois seguiranlle por esta orde Samieira (12 ao 18 de maio), Lourido-Combarro (19 ao 25 de maio) e Raxó (26 de maio ao 1 de xuño).
Marga Caldas quixo animar á máxima xente posible a participar, sexa ou non do municipio, coa esperanza de que "o vindeiro ano xa poidamos retomar este tipo de probas de xeito totalmente normal".