Fase final na preparación do Peixe Galego antes do debut ligueiro na Raña
Por Diego Espiño
O Marín Peixe Galego encara os últimos días de preparación antes do inicio ligueiro na liga Adecco LEB Prata ante o Zornotza no pavillón da Raña (sábado 5 ás 19:30 horas).
O equipo marinense disputou o fin de semana un encontro amigable ante un equipo da súa liga, o Palma Air Europa, que a pesar de perder (82-83) deixou mellores sensacións nos homes adestrados por Javi Llorente.
A igualdade foi a tónica dominante dun choque que se decidiu na prórroga pero que no que o Peixe Galego foi por diante ata o último cuarto, cando o conxunto balear remontou a lixeira desvantaxe que arrastraba dende o inicio de partido.
Por primeira vez nunha pretempada cualificada dende o club como "irregular", o adestrador 'peixe' puido contar con toda o equipo á súa disposición, incluído a recente incoporación Albert Homs, cedido polo Río Natura Monbús Obradoiro.
Antes de iniciar a competición oficial o equipo marinense afrontará un último test este martes, a porta pechada, ante o Conservas de Cambados, outro rival da súa mesma categoría e ao que lle tocará descansar na primeira xornada.