Sufrida e valiosísima vitoria do Teucro na pista do Trapagaran para escapar de postos de descenso (24-25)
Por Diego Espiño
Balon de osíxeno para a Sociedad Deportiva Teucro, ao vencer este xoves na pista do Trapagaran vasco nun encontro aprazado no seu día pola covid. Os azuis conseguen co triunfo saír momentaneamente dos postos de descenso ao colocarse terceiros na liguiña pola permanencia con 15 puntos, cun de marxe sobre Zarautz, Ikasa Madird e Sarrià a falta de catro xornadas para o final.
Era un partido vital para os pontevedreses, que nas súas contas contaban con sacar adiante. Os de Irene Vilaboa, cunha rotación máis curta do habitual, expuxeron inicialmente un partido intenso pero de ritmo non moi elevado, en ataques longos. Así se reflectía xa no primeiro tanto, conseguido por Miguel Sío nunha boa circulación ao extremo cando transcorreran dous minutos e medio de xogo, sendo aínda o primeiro ataque dos teucristas.
O Teucro levaba a iniciativa nos primeiros compases, ata que tras unha exclusión de Samu Pereiro os locais conseguían por primeira vez tomar a dianteira (5-3). A pesar diso os azuis seguiron ao seu e recuperáronse pronto, cun parcial de 0-4 ao seu favor que abría a máxima vantaxe ata o momento chegado ao ecuador do primeiro acto (5-7).
Recuperada a iniciativa, non a ían xa a perder, aínda que o conxunto vasco chegou a igualar (8-8), sen chegar a poñerse por diante. Conforme se achegaba o descanso entrouse nunha fase de intercambio de golpes no que o Teucro desenvolveuse con acerto (13-15).
Tras o paso polos vestiarios o camiño pareceu despexarse para os de Irene Vilaboa, con cinco minutos de gran rendemento para escaparse de cinco (13-18). O partido semellaba encarrilado, cos pontevedreses controlando a vantaxe oscilando entre os tres e os cinco goles.
Foi así ata que mediado o período e con 17-21 no marcador Samu Pereiro vía a súa terceira exclusión e quedaba fóra do partido. O Teucro perdía a un dos homes importantes da súa rotación, e notouno sobre todo en ataque. De súpeto empezaba a custar máis ver porta ou conseguir lanzamentos en posicións claras. Viuno a adestradora teucrista, parando o crono con 21-23 e pedindo un tempo morto que buscaba refrescar as ideas dos seus.
O Trapagaran entendeu que era a súa oportunidade e apertou os dentes, logrando manter ao seu rival sete minutos sen anotar, ata que o conseguiu Diego Martínez co 22-24. Con todo o gol non solucionou o problema nin parou a tendencia, e tras dúas opcións para empatar sen acerto, os locais igualaban a 24 a falta de pouco máis de dous minutos.
O medo para perder uns puntos que parecían no bote minutos antes ateazaba aos azuis, ata que Marko Dzokic asumiu a responsabilidade desequilibrando nunha acción individual para poñer o 24-25.
Secundoulle Fede Wermbter, que xa aparecera en momentos clave, cunha dobre parada que permitía chegar con posesión e vantaxe ao último minuto. Pero non se dixera a última palabra. Sío non acertou no seu lanzamento deixando 22 segundos de ataque final para o Trapagaran, que pediu tempo morto para preparar a súa última acometida. Foi entón cando se fixo grande o gardameta arxentino. Entre el e a madeira sacaron o último lanzamento dos vascos, a poucos segundos do final, salvando unha vitoria que pode valer o seu peso en ouro. De momento xa lle vale ao Teucro para saír dos postos de descenso a Primeira Nacional.
Sen xornada a fin de semana, agora os pontevedreses teñen tempo de recuperarse do esforzo e pensar na súa próxima batalla, o 9 de maio na Municipal fronte ao Amenabar Zarautz. Unha das catro finais que restan.
Relacionadas:
-
O Teucro vence na casa o Trapagaran e dependerá de si mesmo na última xornada (29-26)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Puntuar en Málaga para depender de si mesmos, obxectivo dun Teucro coa auga ao pescozo
Por Redacción |
-
O Teucro, impotente en ataque, cae con claridade co Amenabar Zarautz (23-30)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Trámite para o Cisne, partido a vida ou morte para o Teucro
Por Redacción |
-
O Teucro celebra o seu 76 aniversario con sorteos para os seus afeccionados
Por Redacción |
-
Vencer o Trapagaran, unha obriga para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro estrélase co Zamora e regresa de vacío (29-25)
Por Almu Dapena |
-
Teucro e Trapagaran fixan o seu encontro aprazado para o xoves 29 de abril
Por Redacción |
-
O Teucro derrota o Ikasa Madrid para facerse coa primeira vitoria da fase pola permanencia (29-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |