Detectados 185 casos de covid no fútbol galego en seis meses, a maioría "fóra do entorno deportivo"
Por Redacción
"O fútbol é seguro". Así de contundente móstrase a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) tras facer balance do últimos seis meses de competicións, tanto de ámbito estatal como autonómico en fútbol e fútbol sala.
Durante este tempo realizáronse preto de 80.000 test de antíxenos aos deportistas e persoal imprescindible dos clubs, detectándose 185 positivos por covid, cun índice de contaxio que non chega ao 0,25%.
"As cifras falan por si soas", asegura o organismo reitor do balompé galego defendendo ademais que os contaxios detectados producíronse "case todos cunha orixe identificada fóra do entorno deportiva".
Das 80.000 probas realizadas, 42.000 foron enviados pola Real Federación Española de Fútbol para os equipos das ligas nacionais, mentres que a RFGF distribuíu e financiou os outros 38.000.
A baixa taxa de afectación, sinala a Federación, débese ao "compromiso e a responsabilidade" no cumprimento dos protocolos, con especial agradecemento aos clubs.
Fóra das competicións nacionais, o protocolo aprobado pola Xunta de Galicia establece que as categorías autonómicas nas que resulta obrigatoria a realización de test cada 14 días son a Preferente Galicia, Primeira e Segunda División Galega Femininas e a Liga Galega Xuvenil masculina de fútbol. Nestas categorías tamén se pode usar máscara de maneira voluntaria, pero non exime da obrigatoriedade de facer os test.
Nas demais categorías de fútbol, así como as de fútbol sala e fútbol gaélico, é obrigatorio o uso da máscara para competir.