Benja dálle os tres puntos ao Pontevedra (1-0) nun gris partido ante o Bertamiráns
Por Ramiro Espiño
Pouco fútbol. Malas sensacións, pero vitoria. Con apuros, con mal xogo, sen un sistema claro nin deixar a impresión de superioridade sobre un rival limitado, pero traballado tacticamente, intenso e correúdo, precisamente as virtudes que lle seguen faltando a un Pontevedra que sumou os tres puntos grazas a unha acción de fortuna culminada por Benja, e á escasa pegada dun Bertamiráns que, cando xa case acariciaba o empate, se encontrou cunha derrota e un resultado que tampouco se pode considerar inxusto, xa que os locais, aínda que poucas, foron os que máis ocasións dispuxeron para levarse o partido.
Nando encontrouse antes de empezar cunha desagradable sorpresa que o obrigaba a cambiar de plans e posiblemente a formulación do partido. Pablo Carnero chegaba a Pasarón cunhas molestias nas costas que lle relegaban á bancada. O técnico viuse forzado a tirar de Luismi no once titular, e a reclamar a Richi, que non estaba na convocatoria, para que se sentase no banco.
Luismi sería unha das novidades tras o desastre de Vilagarcía a semana anterior. As outras, a presenza de Moreira no centro do campo, e de Edu na portaría. Pero o resto foi máis do mesmo. Un equipo sen dirección nin sistema de xogo. Lento e simple na elaboración. Carente de ritmo e intensidade na disputa. Encomendado á posibilidade dun chispazo individual dalgún dos seus homes, ou a que o simple paso dos minutos permitise que o rival fose baixando a súa achega.
E resultou o segundo. O Pontevedra unicamente demostrou a súa teórica superioridade durante 10 minutos, os que van do 75 ao 85 de partido. Neles conseguiu o gol e mandou un remate ao poste. Logo a nada absoluta. Accións esporádicas, carentes de continuidade, e xogo lento e plúmbeo que facilitaba a tarefa de contención do adversario.
A primeira parte foi sinxelamente de bocexo. Unicamente o trío arbitral, cunha actuación tan mala como "pexegueira", aínda que sen transcendencia para o resultado, conseguían sacar o respectable do aburrimento. Aos once minutos mandaban ao técnico local, Nando, ao vestiario por unha suposta protesta que escoitou e identificou un dos asistentes, a máis de 40 metros de distancia, demostrando tanta agudeza auditiva como torpeza visual en lances do xogo de verdade importantes.
Ao descanso chegamos sen nada máis digno de interese que un disparo por bando, ben resolto ambos os dous polos porteiros. O primeiro de Luismi, minuto 16, e o segundo de Adán, minuto 28, os dous mandados a corner por Dani e Edu, en boas intervencións. Escasa bagaxe, especialmente para un Pontevedra que de novo decepcionaba.
A reanudación non foi mellor. Aínda que puido cambiar o signo do partido no minuto 49, cun novo remate de Luismi, posiblemente o mellor xogador do partido, que tras dar nun defensa e con Dani batido, se estrela no poste.
O Pontevedra alternaba momentos nos que intentaba rasear e tocar o balón con rapidez (máis ben poucos) con outros nos que permitía o Bertamiráns marcar o ritmo plúmbeo que lle conviña. Ata que chegaron os cambios. A presenza de Benja, Javi Otero e Richi deu outro aire ao partido, e especialmente un pouco de intensidade. Con tan pouco foi suficiente.
Richi precisamente avisaba, minuto 73, cruzando en exceso un gran pase de Luismi. Sería o preludio dos únicos dez minutos nos que se viu algo de fútbol. Coincidindo co baixón físico do Bertamiráns, os granates recorreron ao fútbol que debe facelos superiores aos seus rivais. Movendo o balón a rentes de herba, apoderáronse do partido.
Nunha das mellores accións, minuto 76, Moreira lanza un gran disparo dende a frontal que Dani desvía o suficiente para facer que o balón se estrele no poste. Segundo remate á madeira do Pontevedra, que avisaba das súas intencións, agora si, de levarse o partido.
Luismi e Moreira estrelaron dous remates nos postes
Pero o fútbol é así de caprichoso, e o que lle negara na xogada anterior concedeullo pouco despois ao Pontevedra en forma de fortuna nun rebote. Un balón longo sobre a área visitante dá nas costas de Richi e queda morto, pouco máis alá do punto de penalti para que Benja conecte un disparo raso e cruzado, imposible de deter para Dani. Sería o gol da vitoria, xusta por ocasións, pero incapaz de borrar a mala imaxe que de novo deixou un Pontevedra gris.
Quedaban oito minutos máis o desconto e os granates dedicáronse a facer o que antes fixo o Bertamiráns, retardar o ritmo intentando que discorresen os minutos. Conseguírono non sen un pequeno susto final, cando un remate de Emilio, en semifallo dende o interior da área, tras un corner, rematou nas mans de Edu.
Tres puntos importantes e unha conclusión clara: este Pontevedra segue sen ter un patrón definido de xogo e estando a anos luz do que se espera del.
PONTEVEDRA, C.F. (1): Edu (1); Adrián (1), Pablo (1), Miguel (1), David Feito (1); Tubo (0), Candela (1), Moreira (1), Fran Fandiño (0); Santi Domínguez (0) e Luismi (2).
Substitucións: Benja (2) por Fran Fandiño, minuto 55. Javi Otero (2) por Tubo, minuto 60. Richi (2) por Santi Domínguez, minuto 68.
BERTAMIRÁNS, F.C. (0): Dani (3); Jacobo (1), Guti (1), Otero (1), Gemelo (1); Emilio (2); Saro (1), Pablo (2), Adán (1), Jesús (1); e Álex Blanco (1).
Substitucións: Astray (s.c.) por Álex Blanco. Pablo Valle (s.c.) por Jesús, minuto 79.
Árbitro: Uxío Caamaño (Vigo), auxiliado nas bandas por Elena Casal e Fabián González. Expulsou o adestrador do Pontevedra, Nando, aos 11 minutos por protestar. Amoestou a Pablo, Moreira e Benja, polo Pontevedra e a Otero, Álex Blanco e Adán, polo Bertamiráns.
Goles: (1-0) Minuto 82: Balón longo sobre a área visitante que dá nas costas de Richi e queda morto para que Benja cruce por raso.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do ex-xogador do Pontevedra, Barros.
VESTIARIOS:
Javi Touriño: "un balón longo que lle toca a un no cu e no rexeitamento nos fan o gol. Fomos superiores ao Pontevedra"
JAVI TOURIÿO: O adestrador visitante opinaba que o seu equipo fixera méritos para puntuar: "Formulamos o partido moi ben e creo que fomos superiores mesmo ao Pontevedra dende o noso estilo de xogo, pero un balón longo que lle toca a un nas costas, no cu, e no rexeitamento fannos o gol. Nesta categoría os erros penalízanse moito e faltounos un pouquiño de pegada en ataque. Traballamos moi ben, pero dende o meu punto de vista que o Pontevedra se leve os tres puntos non é demasiado xusto. Eles claro que teñen que facer algo, apertaron eses dez minutos, pero as ocasións foron esa de Moreira e dous centros laterais. Nós chegamos quizais máis ca eles ao último terzo do campo, pero non aproveitamos as nosas opcións, algunha mesmo clara, que tivemos. A sorte foi determinante".
NANDO: O primeiro que fixo Nando foi comentar as razóns da súa expulsión: "Imos ver o que pon na acta. Eu o único que fixen foi reclamalo que unha falta que lle fixeran a Candela era para tarxeta, xesticulando. A asistenta viuno chamou ao árbitro e expulsoume. Eu espero que polo menos poña a verdade do que puiden dicilo ou facer".
Nando: "estamos satisfeitos a medias, pero gañouse que é o importante"
En canto ao xogo do seu equipo o técnico recoñeceu que non fora unha boa primeira parte: "Creo que nos contaxiamos do ritmo que quixeron facer eles. Sabiamos que buscarían os balóns por alto, que van moi ben de cabeza e intentar facernos dano nalgunha contra. Non nos fixeron dano, pero a primeira parte non foi como quixésemos. Na segunda parte tivemos paciencia, sen desesperarnos, e aínda que o gol veu nunha xogada das que menos te esperas, tocamos e movimos o balón dun lado a outro. Por iso estamos satisfeitos a medias, pero gañouse que é o importante".