O Bádminton Ravachol cae en Eivissa e queda abocado ao decenso "salvo milagre"
Por Diego Espiño
Non puido ser, e aínda que as matemáticas non o digan ao 100% o Bádminton Ravachol Pontevedra vese abocado ao descenso de categoría na súa primeira experiencia na División de Honra.
Despois dunha campaña chea de imprevistos e dificultades, os pontevedreses chegaban á última e decisiva semana da tempada coas súas opcións intactas, unhas posibilidades que empezaron a torcerse o sábado coa derrota no Centro Galego de Tecnificación Deportiva fronte ao CB Alicante, un rival directo.
Tocaba recuperar o perdido, sen apenas descanso e cun equipo castigado polas lesións e problemas físicos, na xornada aprazada en Semana Santa na pista do potente Pitius de Eivissa, nun enfrontamento disputado este luns 27 de abril, e o equipo da campioa olímpica Carolina Marín (non xogou o encontro), cumpriu os prognósticos deixando ferido de morte o Ravachol.
Pese ao resultado final (5-2), o Bádminton Pontevedra agarrouse ás súas posibilidades colocándose 1-2 ao comezo da xornada grazas aos triunfos de Javier Sánchez e Gabriel Fernández no dobres masculino e de Georgina Bland nun dos individuais. Desafortunadamente a partir de aí o Pitius dominou o resto de encontros para levar os puntos en xogo.
Coa derrota o Ravachol queda, a falta dunha xornada, na última posición con 9 puntos, a só 3 da zona de permanencia. As matemáticas danlle opcións aínda que "tería que haber un milagre", recoñece o director técnico do equipo Jesús Pereiro.
"Catro dos seis xogadores titulares están lesionados, e a Sevilla imos ir co xusto. Desgraciadamente vai ser un trámite", asume o responsable dos pontevedreses ante o desprazamento da fin de semana para enfrontarse ao CB Rinconada. Só un triunfo e a derrota dos seus dous rivais (Benalmádena e San Fernando Valencia) faría que evitasen o descenso.
Aínda que cunha lóxica decepción polo desenlace, no Bádminton Pontevedra móstranse satisfeitos do rendemento do equipo ao longo do ano, e "xa estamos con ganas de facer un novo proxecto e poder pelexar por ascender de novo", sinala Pereiro.
Relacionadas:
-
O Bádminton Ravachol certifica o seu descenso con derrota ante o Rinconada (5-2)
Por Almu Dapena |
-
O Ravachol perde 'in extremis' co Alicante e ve peligrar a permanencia (3-4)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Semana de infarto para o Bádminton Ravachol pola supervivencia na División de Honra
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol descende á última posición tras caer ante o Arjonilla (3-4)
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O Ravachol recoloca o seu desprazamento a Eivissa para o 26 de abril fuxindo da Semana Santa
Por Redacción |