Cómodo partido para o Pontevedra B que golea (4-0) un débil Estradense
Por Ramiro Espiño
Non houbo rival e apenas houbo partido. O Estradense foi presa doada para un Pontevedra B que tivo un partido cómodo, logrando unha goleada que mesmo puido ser moito máis ampla de ter estado un pouco máis acertado nos metros finais.
Os visitantes adoeceron de falta de intensidade en todas as súas accións, mostrándose como un equipo brando e pouco competitivo. A súa primeira ao única ocasión chegaba aos dous minutos, nunha falta na frontal que puxo en relativos apuros ao meta local Adrián, e paramos de contar.
O partido durou o que tardou o Pontevedra B en lograr o primeiro gol. E en apenas dous minutos rematou, quedando a dúbida de cantos goles subirían ao marcador. Kevin abría a conta no minuto 36, rematando de cabeza un bo centro de Puyi, e Buba sentenciada no 38, baixando un centro do outro lateral, Uru, para cambiarse o balón de pé e fusilar a Diego.
A segunda parte foi unha sucesión de ocasións para os granates, que vían como o seu rival se perdía por falta de ideas na saída de balón, e nin sequera creaban perigo a balón parado.
Buba, no minuto 51, estrelaba un remate no longueiro, e Kevin, no 57, mandaba un excelente disparo á media volta ao poste. Non perdoaría o propio Kevin no minuto 81, aproveitando unha penetración de Ismael ata a liña de fondo, para rematar o seu centro atrasado, e Bruno pechaba a conta no minuto 84, cun bo lanzamento de falta directa que contou coa colaboración do meta visitante.
PONTEVEDRA B (4): Adrián; Puyi, Marou, Bruno, Uru; Emilio, Héctor (Félix, minuto 69); Ismael (Paco, minuto 83), Buba (Kevin Presa, minuto 62), Víctor (Diego, minuto 79); e Kevin.
C.D. ESTRADENSE (0): Diego; Martín (José Ramón, minuto 73), Carlos, Brais, Silva (Adrián, minuto 55); Yago, Mateo; Pepe (Lema, minuto 82), Vicente, Jorge (Escudero, min. 82); e Unai.
Árbitro: Fernández Rodríguez (Ourense), auxiliado nas bandas por Rodicio González e Varela Valle. Amoestou a Emilio, Martín e Unai.
Goles: (1-0) Minuto 36: Kevin. (2-0) Minuto 38: Buba. (3-0) Minuto 81: Kevin. (4-0) Minuto 84: Bruno.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Uns 150 espectadores.
DERROTA DOS XUVENÍS EN SANTANDER
Non era o campo máis alcanzable para lograr a primeira vitoria, e o Pontevedra xuvenil foi incapaz de dar a sorpresa fronte a un Rácing de Santander que non tivo piedade dos mozos granates, aos que derrotou por un contundente 5-1.
O equipo pontevedrés quédase como viceúltimo da categoría tras catro partidos, cun só punto na súa cuadrícula, igualado co CD Roces, que ocupa a última praza por ter menos goles a favor que os granates.