Bertamiráns, pedra de toque para un Pontevedra cuestionado
Por Ramiro Espiño
Nando ameazou os seus xogadores tras o desastre de Vilagarcía con facer cambios drásticos e tirar de banco para o seguinte partido, ante o que considerou falta de actitude dos que xogaron fronte ao Arosa. Pasou a semana e, como sucede a miúdo en fútbol, os cambios parece que serán mínimos o domingo (18:00 horas, en Pasarón, con arbitraxe do colexiado vigués Uxío Caamaño Vázquez), para recibir o Bertamiráns.
Finalmente, e salvo sorpresas, eses cambios poderían reducirse á presenza en portaría de Edu, que relevaría a un Paco excesivamente inseguro nalgúns partidos, ademais da incorporación do recuperado Benja, que xunto con Javi Otero, este por primeira vez dende a súa fichaxe, entran nunha convocatoria da que os damnificados son David Pérez e Richi, aos que o técnico valenciano deixou fóra da lista. Tamén é baixa, aínda que neste caso por lesión, o centrocampista Pablo Lede.
Así pois, tras o último ensaio semanal realizado o venres no campo de Príncipe Felipe, Nando decidiu convocar a: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Miguel, Pablo, David García, Candela, Moreira, Javi Otero, Fran Fandiño, Tubo, Benja, Santi Domínguez, Luismi e Pablo Carnero.
O partido reviste características de toda unha reválida ou proba de lume para un Pontevedra que necesita reivindicarse ante os seus para comezar a despexar as dúbidas que o seu rendemento e resultados deixaron nas cinco xornadas ligueiras precedentes.
En fronte os granates terán outro rival recén ascendido á categoría e ademais novo nesta, como o Bertamiráns. Un equipo modesto pero moi ben traballado, especialmente no aspecto táctico, ao que o seu técnico Javi Touriño imprime un carácter competitivo que non permite ao rival o máis mínimo respiro ao longo dos 90 minutos de xogo.
O FILIAL RECIBE O ESTRADENSE
Pola mañá no sintético da Xunqueira (12:00 horas), o Pontevedra B recibe a visita do C.D. Estradense. Os de Manu Fernández intentarán sumar a súa segunda vitoria consecutiva, tras vencer en Gondomar, para deste xeito abandonar os postos baixos da táboa, precisamente fronte a un rival que tampouco comezou de forma moi positiva a tempada.
O técnico granate conta para este partido con: Adrián, David, Puyi, Uru, Marou, Bruno, Kevin Presa, Emilio, Paco, Héctor, Ismael, Diego, Víctor, Kevin Vicente, Buba e Félix.