Facerse forte na casa, obxectivo do Teucro ante a visita do Meridiano Antequera
Por Diego Espiño
O Teucro busca este sábado confirmar o seu bo arranque de tempada na visita ao Pavillón Municipal dos Deportes do Meridiano Antequera (20:00 horas).
O equipo malagueño, herdeiro do desaparecido Balonmano Antequera, é un recén ascendido á División de Honra Prata pero conta nas súas filas con xogadores de moita experiencia e non perde de vista nos seus obxectivos os postos altos da clasificación.
Por iso no club pontevedrés esperan un encontro moi disputado no que os azuis deberán centrarse en realizar un bo papel en defensa.
Javier Barrios conta con todo o plantel en perfectas condicións, salvo Tomás Moreira que arrastrou unhas molestias na perna durante toda a semana pero que non lle impedirán ser da partida.
Pola súa banda o Meridiano Antequera viaxou a Pontevedra con 15 xogadores polos problemas físicos de varios dos integrantes do equipo: o central Fernando Quintana, o pivote Lorasque e o lateral esquerdo Víctor Díaz.
Os colexiados do encontro serán os madrileños Miranda Berate e San Pedro Colorado, de ingrato recordo para os teucristas pois o último partido no que coincidiron cos azuis foi a polémica semifinal polo ascenso ante o Bidasoa en Hondarribia, onde os de Javier Barrios perderon 24-20.