Sanxenxo e Ponte Caldelas quentan motores para o Rally do Albariño
Por Redacción
O Rally do Albariño regresa a Sanxenxo, Ponte Caldelas, Meaño e Cerdedo-Cotobade despois de 12 anos. Os organizadores da proba, o Congostroa Team Sanxenxo, ten previsto que, nesta proba do Campionato de Galicia de Rallyes do Asfalto, participen máis de 120 vehículos e se despracen máis de 1.000 afeccionados durante os días 18, 19 e 20 de xuño, unha cifra á que hai que sumar os 15.000 seguidores que arrastra este tipo de eventos.
Durante eses días, Sanxenxo converterase no centro de operacións do gran evento. Así o decidiron os concelleiros de Deportes, Seguridade Ciudadada e de Economía tras pechar un convenio que se asinará proximamente. Pola súa banda, Andrés Díaz, alcalde de Pontecaldelas, xa fixo os deberes e asinou o convenio para celebrar o segundo tramo da proba no municipio.
Se todo sae segundo o previsto, a cita deportiva arrincará o venres 18 coas verificacións administrativas e técnicas na Praza dos Barcos. A continuación, haberá unha cerimonia de saída de tarde desde a Praza do Mar para disputar un Treito Espectáculo cronometrado no parque empresarial de Nantes.
Ao día seguinte, o evento desprazarase á contorna do campo de fútbol de Portonovo desde onde os coches partirán cara a Ponte Caldelas. As saídas están previstas para as 8:54, 13:36 e 18:18 horas desde Vilarchán, pasando por Mirón, Borela (Cerdedo-Cotobade) e volvendo a Ponte Caldelas pola estrada Pé da Múa para finalizar ás portas da Igrexa de Santa Baia.
Unha vez terminada a proba, os vehículos regresarán ao Campo Municipal de Baltar para asistir á entrega de premios.
Este evento de motor súmase a outros fixados no calendario de Sanxenxo como como A Volta Ciclista a España (4 de setembro), o Campionato de Europa de Vela de 6 metros do Real Club Náutico (do 9 ao 19 de setembro) e a concentración de motos organizada por Moto Club Amigos de la Moto de Sanxenxo e que a finais de setembro celebrará a súa 36 edición.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas presenta o paso polo municipio do Rallye de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Escudería Salnés Motor culpa á Federación Galega do conflito polo nome do Rally do Albariño
Por Diego Espiño |
-
O renacido Rally do Albariño pasa a chamarse Rally de Pontevedra por unha disputa de marca
Por Diego Espiño |
-
Cerdedo-Cotobade, unha terra de 'motor'
Por Redacción |
-
O Rally do Albariño regresa tras 12 anos de ausencia: "La intención es que sea para mucho tiempo"
Por Diego Espiño |