O granate Jorge Fernández sofre unha escordadura de xeonllo e podería estar de baixa tres semanas
Por Manu Otero
O número de baixas no ataque do Pontevedra para o partido deste domingo contra o Lealtad aumenta. Luisito non poderá contar con Charles, que viu a quinta amarela no último doio fronte ao Sporting B, nin con Jorge Fernández, que se retirou lesionado nun adestramento da pasada semana e as probas que lle practicaron acaban de confirmar que padece unha escordadura de xeonllo.
Estiman desde o club que o período de baixa necesario para recuperarse de forma correcta desta doenza será de tres semanas. Con todo, o xogador xa leva parado desde o pasado xoves e no vestiario confían en que se poida reincorporar á dinámica do grupo nun período máis curto de tempo.
Jorge Fernández recibiu un golpe nunha acción fortuíta con Rufo que lle obrigou a ser atendido polos servizos médicos do club e, posteriormente, abandonar a sesión preparatoria. O extremo asturiano xa se perdeu o partido contra o Sporting B e perderase tamén o do Lealtad, mentres que a súa participación no seguinte choque contra o Oviedo B parece pouco probable.
Esta baixa, unida á de Charles, podería obirigar a Luisito a reestruturar o seu esquema ofensivo. No desprazamento a Mareo xa prescindiu dun extremo dereito natural para ubicar nese flanco para Charles e situar tres mediocentros na sala de máquinas do equipo. Un plantexamento que podería repetir o domingo para recibir ao equipo menos goleado e goleador do grupo.
Con todo, conta con recambios suficientes para manter o 4-4-2 habitual desta tempada. Martín Diz está preparado para substituír a Charles na punta de ataque, mentres que no extremo dereito están dispoñibles Oier Calvillo, Óscar Fernández e mesmo Pitu, que aínda non gozou de minutos desde a chegada do técnico de Teo ao banco granate.
Relacionadas:
-
Jorge Fernández recibe a alta e apunta á convocatoria para visitar o Covadonga
Por Diego Espiño |
-
Luisito pide o apoio da afección para derrotar ao Lealtad e evitar o descenso
Por Manu Otero |
-
Rufo lesiónase e o Pontevedra queda sen dianteiros para recibir o Lealtad
Por Manu Otero |
-
Jorge Fernández retírase lesionado do adestramento e será baixa en Xixón
Por Diego Espiño |