O Cisne ponse ao día nunha nova final pola permanencia
Por Manu Otero
Non tira a toalla o Cisne na súa carreira pola permanencia. Esporeados pola balsámica vitoria da pasada fin de semana contra o Guadalajara, os de Jabato viven este martes unha nova final para manter vivo o soño da salvación. A partir das 20 horas, no Pavillón Municipal, os brancos enfróntanse ao Granollers co obxectivo de sumar dous puntos no último dos seus partidos pendentes despois do caso de coronavirus que obrigou a suspender varios encontros do equipo pontevedrés.
O rival non llo poñerá nada fácil. O conxunto catalán chegará a Pontevedra inmerso nunha serie de tres vitorias consecutivas que o achegan á zona alta da clasificación e acrecentan as súas opcións de clasificarse para competicións europeas.
Con todo, aos locais non lles queda outra opción que encadear vitorias para manterse con opcións de permanencia. Os brancos abandonaron esta fin de semana o faroliño vermello, pero para saír da zona de descenso necesitan recortar unha desvantaxe de sete puntos co Sinfín cántabro. Unha fazaña que se antolla cada vez máis complicada a medida que o calendario se esgota.
Con oito finais por diante e de novo co apoio da súa inchada, o Cisne tratará de sumar o seu segundo triunfo consecutivo que achegaría a permanencia a só cinco puntos e cun horizonte que traerá a Pontevedra a varios rivais directos e conxuntos que xa alcanzaron os seus obxectivos.
Relacionadas:
-
O Cisne cede o seu extremo Jose Leiras ao Torrelavega ata final de tempada
Por Manu Otero |
-
A precipitación e fraxilidade defensiva privan ao Cisne de loitar pola vitoria (26-34)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Cisne rexorde das súas cinzas para superar con fartura o Guadalajara (29-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne, obrigado a gañar o Guadalajara para manter opcións de permanencia
Por Almu Dapena |
-
Derrota en León dun Cisne ao que se lle vai acabando tempo (35-23)
Por Redacción |
-
O Cisne apura as súas opcións de permanencia na súa visita a un Ademar León en horas baixas
Por Manu Otero |