Recital do Arosa na Lomba para vencer o líder Bergantiños (3-1)
Por Almu Dapena
Arrincou con ganas o Arosa o encontro contra o líder Bergantiños, dando un recital de xogo para reencontrarse coa vitoria tres xornadas despois e meterse de cheo na pelexa polo ascenso.
Comezou de maneira vibrante o duelo entre Arosa e Bergantiños. Avisaron primeiro os visitantes cunha falta lateral nada máis comezar o encontro, poñendo en aprietos a Álex Cobo. Na xogada seguinte, despois dun erro defensivo, Pedro Beda rematou a porta baleira e puxo o 1-0, adiantando ao conxunto arlequinado aos tres minutos de xogo.
Ampliou a renda o Arosa aos 18 minutos. Javi Fontán sacou un centro lateral desde a dereita e Kilian bateu co interior desde o punto de penalti. Segunda chegada do Arosa, e segundo gol para os da Lomba.
A sorte non caía da mesma maneira sobre o Bergantiños, que insistía na área de Cobo pero non era capaz de reducir distancias. Avisou Iago López no minuto 25, rematando un balón parado e mandándoo á rede, pero atopábase en posición incorrecta e o gol foi anulado.
Rober e Pedro Beda obrigaron a intervir en dous tempos a Brais para evitar o 3-0 cando se pasaba da media hora de xogo, dando paso aos mellores minutos do Bergantiños, que apertou con repetidos centros pero sen facer o gol.
O descanso sentou mellor ao Arosa, que seguiu castigando ao seu rival xerando perigo na súa área. E máis cando, aos 10 minutos, Pedro Beda reapareceu como goleador para cabecear á rede o córner pechado sacado por Róber e, esta vez si, puxo o 3-0 no marcador.
Deu aire ao Bergantiños Martín Lamelas, que realizou unha perfecta acción individual recortando cara a dentro para sacar un lategazo desde fóra da área co que quitou as teas de araña da portería de Álex Cobo (min. 63).
Os visitantes deron un paso adiante despois do gol, apertando a un Arosa que vía como o balón se coaba na súaa portería pero o colexiado invalidaba a xogada por unha posible do rematador Jorge Cano, anulando o posible 3-2.
Alcanzábase a recta final do encontro e os nervios podían co Bergantiños, que quedaba cun xogador menos tras a expulsión de Marcos Rodríguez ao recibir a súa segunda amarela por derrubar a Sanabria a cinco minutos da conclusión.
Finalmente, 3-1 e tres puntos máis para un Arosa que segue cuarto e medirase ao Somozas na seguinte xornada.
Consulta a acta do Arosa-Bergantiños
Relacionadas:
-
Adeus ás opcións de ascenso directo para o Arosa tras caer en As Eiroas co Bergantiños (2-1)
Por Almu Dapena |
-
Arosa e Ribadumia levan os tres puntos ante o Polvorín e o Arzúa
Por Almu Dapena |
-
Importante vitoria do Arosa na súa visita ao Somozas (0-1)
Por Almu Dapena |
-
O Arosa inicia o seu camiño ao ascenso con derrota ante o Polvorín (1-0)
Por Redacción |
-
Arosa e Ribadumia coñecen o seu novo calendario nos grupos de Terceira polo ascenso e a permanencia
Por Redacción |