A sétima Regata Interclubes Ría de Pontevedra decidirase na última etapa
Por Redacción
Intensa xornada na ría de Pontevedra con case medio centenar de barcos participando na quinta etapa da Regata Interclubes disputada en Combarro. Foi un fin sábado complicado, onde o vento, que pasou de estar practicamente ausente durante parte do primeiro tramo, alcanzou os quince nós co avance da tarde.
Ás 14:30 horas foi o bocinazo de saída para as clases 1 ata a 4 fronte ás instalacións do club. Cinco minutos despois saíron os Clásicos e A Dous, ofrecendo todo un espectáculo na ría de Pontevedra.
Por diante, un percorrido de máis de 18 millas para a clase 1 pasando por Tambo, Morrazán, Polígono de bateas, a baliza de Emisario de Tambo e de novo Morrazán e Polígono antes de poñer rumbo de novo á liña de chegada. As clases 2 ata a 5, completaron unhas 15 millas cun percorrido similar pero dobrando a baliza de Pelados en lugar do Emisario de Tambo. Os Clásicos percorreron unhas dez millas con ida e volta ata Morrazán.
En Clase 1, o Fuerza 4 de Carlos García (RCM Aguete) adxudicouse a súa primeira vitoria do circuíto por diante do Orión de Javier Pérez (MRCY Baiona) e do Juancamaría 3 de Juan Carlos Pérez (Náutico León). Con este resultado, o Orión encabeza da xeral cun só punto de vantaxe sobre o Juancamaría 3 e con sete sobre o Fuerza 4. A vitoria decidirase na última etapa.
Na Clase 2, o Mar de Frades Cruceiros Pelegrín de Joaquín Carneiro (Ro Yachts Club) foi o gañador e xa suma tres triunfos consecutivos. Afrontará a etapa final desde o máis alto do podio con catro puntos sobre o Squid 2 de Francisco Lusquiños (CN Portonovo), que sumou un terceiro posto co que se coloca segundo na xeral. O Vagalume de Luís Vidal anotou un retirado e descende desde a primeira posición ata a terceira.
En Clase 3, o Aguieira I de Celestino Campelo (RCM Aguete) repite vitoria con máis de once minutos de vantaxe sobre o Youkounkoun de Adolfo Castro (CN Portonovo) e dezanove sobre o Pepenuto Dois de Francisco José Llovo (Ro Yachts Club). A xeral lidéraa o Aguieira I, o Youkounkoun ocupa o segundo posto e a terceira o Trotto de Ernesto Smyth (CN Beluso).
En Clase 4, esta quinta etapa provocou cambios nos tres primeiros postos da clasificación. O Chispa Nejra de José Rey (CN Beluso) foi o vencedor da etapa por diante do Orlando de Gerardo Sánchez (CN Boiro) e do Cinco Islas Albariño de Iñaki Carbajo (CN Beluso), segundos e terceiros respectivamente. Agora, a xeral lidéraa o Chispa Nejra, segundo é o Orlando e terceiro o Cinco Islas Albariño. Os tres equipos están empatados a nove puntos.
En Clase Solitarios e A Dos repetiu vitoria Vento Sur de Antonio Fernández (Ro Yachts Club). Seguiulle o Maral IV de Roberto da Puente ( CN Portonovo) e o Samoa de Simón Bernárdez (RCM Aguete). A xeral segue liderada polo Maral IV con dous puntos sobre o Vento Sur e catro sobre o Samoa.
Por último, nos Clásicos e Veterano o líder da xeral, o Cassandra de Javier Pazó (CN Portonovo), chegou en quinta posición. A vitoria levoulla o Mou de Ángel Mourelos (CN Meloso) por diante do Hola de Antero J. Rodríguez (Ro Yachts Club), que foi segundo, e do Iasi de José Antonio Ortigueira (CN Portonovo), que foi terceiro. O Cassandra continúa no máis alto da táboa xeral con catro puntos de vantaxe sobre o Ola, ascende á segunda posición, e cinco sobre o Atxurri de Ana Pazó (CN Raxó), en terceira posición da xeral.
Ademais do triunfo na etapa, os gañadores da proba deste sábado fixéronse tamén coa vitoria do Trofeo Concello de Poio.
A próxima proba, que será a última e definitiva da sétima edición, celebrarase o sábado día 10 de abril baixo a organización da Comisión Naval de Regatas da Escola Naval de Marín. Unha vez terminada, a entrega de premios desta edición e da pasada celebrarase no Ro Yachts Club de Combarro.