O Teucro non pode co líder e segue sen coñecer a vitoria na fase pola permanencia (23-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Segue sen coñecer a vitoria a Sociedade Deportiva Teucro na fase pola permanencia en División de Honra Prata. Esta vez, os de Irene Vilaboa tiñan unha cita complicada. Visitábaos o líder, o Trops Málaga, que os superou diante da afección do Pavillón Municipal nun partido no que os erros puntuais nos minutos decisivos foron clave na nova derrota.
Samuel Pereiro inaugurou o marcador para o Teucro no primeiro ataque. Tamén anotou o segundo, aproveitando unha parada de Fede Wermbter que se traduciu nun ataque dos locais que o cinco enviou á rede poñendo aos seus cunha pequena vantaxe de dous goles que se mantivo ata o minuto 7.
A partir de aí, os azuis baixaron os brazos, e o Málaga aproveitou para endosar tres goles seguidos que deron a volta ao partido (min. 9, 3-4). Volveu poñer por diante o Teucro cos goles de Pereiro e Miguel Sío, pero os visitantes fixéronse fortes en defensa para volver dominar (min. 15, 6-8).
A tónica da igualdade marcou o resto da primeira metade, marcada polos poucos goles debido á fortaleza defensiva de ambas as escuadras mandando o partido ao descanso en empate a 12.
Despois do paso polos vestiarios o Teucro tardou máis de oito minutos e medio en marcar, mentres o Málaga xa anotara tres goles que lle daba a maior vantaxe do encontro. Co 12-15 parou o tempo Irene Vilaboa e deu coa tecla para que Samu Pereiro rompese a mala serie teucrista para portería.
Seguiron pasando os minutos e seguiu dominando o equipo andaluz, mentres o Teucro seguía a remolque nun partido que aínda non estaba perdido. Así, os de Pontevedra sacaron forzas arroupados pola bancada para, cando quedaban 9 minutos para a conclusión, facer un parcial de 3-0 que empataba o encontro (20-20).
A igualdade mantívose durante o seguintes cinco minutos, onde cada ataque anotado polo Málaga era respondido por un Teucro que non se quería baixar do partido. Con todo, no ataque decisivo dos azuis no que igualaban a 24, o pase non chegou ao seu destino e foi recollido pola defensa. Os andaluces non fallaron e volvéronse a poñer cun colchón de dous goles na súa marcadora co que se chegou ao final do duelo (23-25).
Relacionadas:
-
O Teucro estrélase co Zamora e regresa de vacío (29-25)
Por Almu Dapena |
-
O Teucro derrota o Ikasa Madrid para facerse coa primeira vitoria da fase pola permanencia (29-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Teucro busca o primeiro triunfo da segunda fase para abandonar os postos de descenso
Por Redacción |
-
O partido entre Trapagaran e Teucro, aprazado pola covid-19
Por Diego Espiño |
-
O Trops Málaga, rival do Teucro na terceira xornada da fase pola permanencia
Por Redacción |
-
Un mal inicio condena o Teucro na súa visita ao Amenabar (27-24)
Por Almu Dapena |
-
Teucro e Zamora asinan un empate no primeiro partido da fase pola permanencia (23-23)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |