Dolorosa derrota ante o Nava dun Cisne que vai costa abaixo e sen freos (24-19)
Por Almu Dapena
A permanencia en Liga Asobal para o Dicsa Modular Cisne está cada vez negra. O equipo dirixido por Jabato caeu este domingo ante o Balonmán Nava por un claro 24-19 nun partido no que os gardametas foron un pesadelo para o ataque de ambos os conxuntos.
Comezou o partido con baixo ritmo e con protagonismo dos porteiros, que mantiveron a portería a cero ata pasados os cinco minutos de xogo.
Rompeu a serie anotadora o Nava, cun lanzamento exterior de Jorge Silva. Puideron os locais colocarse cun parcial de 2-0 despois dunha perda de balón de Dani Ramos, pero apareceu Jorge Villamarín, por partida dobre, para manter ao Cisne no partido, que tardou sete minutos e medio en enviar o balón á rede.
A fortaleza defensiva e os porteiros estaban a ser os protagonistas, pero foi o Nava o que impuxo o seu xogo para facerse dono do marcador. Os de Pontevedra non eran capaz de conectar en ataque, e metíanse nunha seria lea cando os locais pisaban o acelerador e colocábanse con 7-3 cando se alcanzaba o ecuador do primeiro acto. Parou o cronómetro Jabato ao ver que aos seus non lles saía nada e estrelábanse unha e outra vez con Patotski, que se converteu nun muro baixo paus cun 67% de efectividade (8-4).
Villamarín non quería ser menos que o seu rival na portería, e fixo unha aparición estelar para manter a súa portería a cero durante 5 minutos, que foron aproveitados polos brancos, hoxe de azul, para reducir distancias e colocarse a un gol do empate, obrigando ao técnico local a parar o tempo (8-7).
Seguiuse soltando o Cisne, que comezou a notarse cómodo e ter confianza no seu xogo para reaparecer. Aínda que tiveron tres balóns para poñerse por diante no marcador, non puideron facer máis que igualar o partido (10-10). Con todo, foi o Nava o que aproveitou o seu último ataque para irse cunha vantaxe dun gol ao descanso (11-10).
O intermedio sentou mellor aos de Segovia, que endosaron un parcial de 2-0 a un Cisne que se apagou en ataque e tardou nove minutos (máis seis da primeira metade) en reencontrarse co gol (13-11).
Os nervios e a actuación sobresaliente dos porteiros estaba a ser clave nun partido no que os de Jabato seguían con dificultades e eran condenados polas advertencias de pasivo ao non atopar espazos para sacar bos lanzamentos (min. 20, 20-14).
O cansazo e a fatiga empezou a facer efecto nun Cisne con altibaixos e negado de fronte ao gol, que aínda que sacou garra nos últimos instantes para reducir diferenzas no marcador, acabou caendo por un 24-19 que os afasta das opcións pola permanencia en Liga Asobal.
Consulta as estatísticas do Nava-Cisne
Relacionadas:
-
O Cisne rexorde das súas cinzas para superar con fartura o Guadalajara (29-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne, obrigado a gañar o Guadalajara para manter opcións de permanencia
Por Almu Dapena |
-
Derrota en León dun Cisne ao que se lle vai acabando tempo (35-23)
Por Redacción |
-
O Cisne apura as súas opcións de permanencia na súa visita a un Ademar León en horas baixas
Por Manu Otero |
-
O último tren pola permanencia para o Cisne pasa por Nava de la Asunción
Por Redacción |
-
Afundimento no derbi dun Cisne negado en ataque (20-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Cisne apágase tras o descanso ante un Logroño moi superior (21-33)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |