As rúas de Pontevedra vivirán unha ampla xornada de tríatlon o vindeiro sábado
Por Redacción
Este sábado 28 de setembro, Pontevedra volverá ser o escenario para dúas importantes probas deportivas de Triatlón. A principal é o Campionato Galego de Triatlón Cidade de Pontevedra que se iniciará ás 17 horas coa proba feminina. Ás 18:10 desenvolverase a proba masculina.
O presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva, indicou na presentación no Concello que un centenar de atletas federados participarán nesta proba tras clasificarse en cinco competicións anteriores. Sinalou que este deporte se encontra en auxe e as cifras de inscrición aumentan.
Antes, xa dende a mañá, a partir das 11 horas, dispútase o Sertri, un evento popular organizado pola Federación Española de Triatlón e pola Cadena Ser con probas para nenos (que non terán que realizar a proba de natación) e adultos, con distintas distancias.
A inscrición para esta competición péchase este xoves e xa hai máis de 500 participantes apuntados. Na presentación, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou o aumento en participación feminina con máis dun 20%. Esta proba xa se realizou noutras once cidades españolas e en Pontevedra finalizará a serie.
Durante toda a xornada vai realizarse un operativo especial por parte da Policía Local para evitar problemas de tráfico.