Pontevedra postúlase como sede do Campionato de España de Piragüismo Maratón
Por Diego Espiño
O piragüismo e en especial a modalidade de maratón está intimamente ligado á cidade de Pontevedra e á provincia, de onde saíron grandes campións internacionais.
Esa relación vivirá previsiblemente un novo capítulo este 2021, sempre que a evolución da pandemia o permita, e é que a Boa Vila postúlase como sede do Campionato de España de Piragüismo Maratón.
A falta do O.K. definitivo, así figura xa no calendario da Real Federación Española de Piragüismo, fixando a cita para o sábado 8 de maio. Ademais a cidade do Lérez figura como sede da III Copa de España de Maratón, que será á súa vez campionato nacional de medio maratón, e que se disputaría o 28 de agosto.
Estas competicións reafirman a forte aposta de Pontevedra por este deporte, e é que o piragüismo terá moito protagonismo durante o 2021 no calendario local de eventos deportivos, non en balde o encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, acollerá tamén o Campionato de España Sprint os días 30 de xullo e 1 de agosto.
Non será a primeira vez que a cidade sexa ademais sede do Nacional de Piragüismo Maratón, sen esquecer a organización do Europeo de 2016, xa que o acolleu por última vez en 2019 congregando no tramo urbano do río Lérez a 650 deportistas de categoría sénior pertencentes a 88 clubs de 14 comunidades autónomas. As limitacións derivadas da pandemia auguran nesta ocasión unha participación menor en número, pero non en nivel xa que en xogo estará a composición dos equipos nacionais para as grandes citas da tempada, como o Campionato de Europa que se celebrará en xullo en Moscova ou o Mundial, previsto para o mes de setembro en Romanía.
Relacionadas:
-
Jaime Duro consegue para Pontevedra a primeira medalla do mundial de piragüismo maratón
Por Manu Otero |
-
O encoro de Verducido convértese no centro de alto rendemento para os canoistas españois
Por Manu Otero |
-
Primeiro posto para Tono Campos e Jenifer Casal no Nacional de Maratón celebrado en Pontevedra
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A piragua, protagonista da fin de semana co Nacional de Maratón e a liga de kaiak-polo
Por Diego Espiño |
-
Operativo de tráfico polo Campionato de España de Piragüismo
Por Redacción |
-
Cinco medallas para o Ciudad de Pontevedra no Campionato Galego de Novas Promesas
Por Redacción |
-
O Ciudad de Pontevedra finaliza entre os dez primeiros no Campionato de España de Inverno
Por Redacción |
-
O Pontillón do Castro mantense en 2021 como sede do Campionato de España Sprint Olímpico de Piragüismo
Por Diego Espiño |
-
Verducido estrea o novo curso do piragüismo cun masivo trofeo internacional de media maratón
Por Manu Otero & Cristina Saiz |