Un derbi entre Cisne e Cangas clave para a permanencia na Asobal: "É como unha final"
Por Diego Espiño
O último tren cara á permanencia na Liga Asobal pasa por diante do Dicsa Modular Cisne nos próximos días, nos que se enfrontará de maneira consecutiva ao Balonmán Cangas e ao Nava.
Con 7 puntos, os pontevedreses necesitan poñer fin á súa mala serie de resultados para reengancharse á pelexa, e para iso míranse no espello do derbi galego da primeira volta, cando venceron 26-33 no Gatañal.
"Un partido como este é clave para que empecemos sacar un pouco a cabeza. Para min é como unha final", recoñece o pivote cisneísta Gonzalo Carró sobre o derbi que se disputará este mércores 31 de marzo (19.00 horas, TVG2) no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra recuperando unha das xornadas aprazadas no seu momento polo confinamento do Cisne.
"Temos a ilusión de poder cambiar esa dinámica e facer un partido parecido ao da primeira volta" engade á súa vez o capitán Pablo Picallo, para o que será imprescindible "non cometer tantos erros como estamos a cometer, que é o que nos está lastrando nos últimos partidos".
Pero tamén o Cangas chega con urxencias, pensando en conseguir dous puntos que lle fagan chegar aos 14 e mesmo saír do descenso. De feito "creo que teñen moito máis que perder eles que nós. Teñen esa presión de sacar os dous puntos", afirma Carró.
En todo caso "a intención é que sexa unha festa do balonmán galego", completou na previa o presidente do Cisne, Santiago Picallo. Unha festa que poderá contar con ata 300 espectadores nas bancadas e que a nivel deportivo perderase o brasileiro Guilherme Valadao, recente incorporación do equipo e que non contaba coa súa ficha tramitada na data na que debía disputarse inicialmente o derbi.
Relacionadas:
-
Afundimento no derbi dun Cisne negado en ataque (20-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Cisne apágase tras o descanso ante un Logroño moi superior (21-33)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Un cambio de data do encontro aprazado contra o Granollers dá aire ao Cisne antes da súa semana decisiva
Por Redacción |
-
Contundente derrota do Cisne fronte a un Bada Huesca que o deixou sen opcións (32-19)
Por Almu Dapena |
-
Anaitasuna noquea o Cisne, que acabou na lona tras dous arreóns dos navarros (28-32)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Guilherme Valadao aterra en Pontevedra para salvar o Cisne e conseguir o seu billete a Tokio
Por Manu Otero |