Derrota ante o pechacancelas Guijuelo dun Pontevedra que se complica a vida pola permanencia (2-1)
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol parece decidido a complicarse ao máximo a tempada, porque iso é a consecuencia da súa derrota este domingo en Guijuelo (2-1), un equipo que chegaba como pechacancelas, case desafiuzado e sen gañar desde o 1 de novembro, pero que levou os tres puntos en xogo para agarrarse ás súas mínimas opcións de permanencia. Pola contra os granates, que buscaban un triunfo que lles fixese iniciar a segunda fase nunha posición desafogada, farano finalmente só cun punto de marxe sobre as prazas de descenso a Terceira.
Sen cambios no once inicial con respecto á última xornada, os de Luisito acusaron no inicio do partido a dificultade de combinar nun campo como o Municipal Luís Ramos, de céspede artificial. Tampouco o facían os locais, convertendo o choque nunha loita espesa e sen control claro.
Ningún dos dous equipos conseguía asomar con perigo ao área contraria, o que facía abusar do xogo en longo sen conseguir recompensa.
Parecía que o Pontevedra empezaba a crecer lixeiramente pasado o ecuador do primeiro período, e nesas á media hora chegou unha das accións clave do encontro. Kike Pina recibía en tres cuartos de campo, e sen pensarllo demasiado o lateral zurdo do Guijuelo conectaba un disparo afastado que non parecía excesivamente perigoso, pero que se envelenou no bote provocando o fallo de Álvaro Cortés. Erros que se pagan moi caro nesta categoría. Un gol, o 1-0, que poñía fin a unha seca ofensiva dos locais que se prolongaba xa por catro xornadas.
E puido ser peor, porque aparvados polo golpe na seguinte acción os granates víronse sorprendidos por un pase filtrado ás costas dos centrais para a chegada de Pino, pero con todo a favor e ante o gardameta o ariete chacineiro cruzou en exceso.
Obrigados a reaccionar, os de Luisito chegaron por primeira vez con perigo no minuto 33, tras un desborde de Oier en banda dereita poñendo un centro pasado á chegada de Álex González, cuxo remate sue foi alto por pouco. Tamén o probou Imanol nunha falta afastada, aínda que cun disparo centrado que non inquietou a Salcedo.
Por enésima vez esta tempada tocaba remontar, e o cambio aos 3 minutos da continuación dando entrada a Jorge Fernández pareceu mellorar ao equipo. De feito na súa primeira acción forzou unha falta perigosa na medialuna da área que non acabou en gol por pouco, metendo o pé in extremis un defensor ao disparo de Adrián Cruz.
Os granates achegábanse máis área contraria, aínda que sempre sen sentirse realmente cómodos sobre o verde. Aínda así no 62 Álex González baixaba un envío en longo do gardameta Álvaro, Rufo vía a incorporación pola esquerda de Jorge e o seu centro desviábao o xusto o local Cristóbal Gil tentando evitar o remate de Álex acabando o coiro dentro da portería. Un 1-1 que debía ser o inicio da remontada, ou canto menos un punto valioso, e que non foi tal.
O choque volveuse abrir, e lonxe de chegar con perigo o Pontevedra, era o Guijuelo o que ameazaba. Fíxoo primeiro nun remate de Lolo Plá a centro desde o costado zurdo, tras gañarlle as costas a Xisco. O seu remate de cabeza foise fóra, pero foi un aviso do que chegaría só tres minutos despois, no 77. O recentemente incorporado Mounir rompía por banda esquerda, gañaba liña de fondo e o seu centro atopaba a un completamente desmarcado Antonio Pino para facer o 2-1 rematando ao bordo da área pequena, nun claro erro de marcaxe.
De novo un fallo penalizaba aos de Luisito, que non foron xa capaces de reaccionar ata o final. É máis, estivo máis preto a sentenza primeiro nunha nova imprecisión defensiva e xa no 90 cunha acción moi clara de Isma Cerro.
Ao final derrota merecida e oportunidade perdida para un Pontevedra que podía chegar á segunda fase nunha posición destacada e que agora deberá remar, e moito aínda, para canto menos asegurar a súa presenza a próxima campaña na Segunda RFEF. Quen o tería dito a principio de curso.
CD GUIJUELO (2): Salcedo, Raúl Parra (Lolo Plá, min.69), Razvan, Lucas Puime, Carlos Rubén (Deco, min.69), Abraham, Kamal (Mounir, min.75), Andi (Cristóbal Gil, min.57), Antonio Pino, Isma Cerro (Damián Zamorano, min.69), Kike Pina,
PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés, Aitor Núñez (Óscar Fernández, min.79), Churre, Xisco Campos, Zabaleta (Pol Bueso, min.75), Imanol, Adrián Cruz (Damiè Sabater, min.75), Oier Calvillo (Jorge Fernández, min.48), Álex González, Charles, Rufo.
Árbitro: Gorka Etayo Herrera, auxiliado nas bandas por Conde Pérez e Urizar Díaz (País Vasco). Amoestou a Kike Pina, Razvan, Cristóbal Gil e Lucas Puime no Guijuelo e a Imanol no Pontevedra.
Goles: 1-0 Kike Pina, min.31; 1-1 Cristóbal Gil, en propia puerta; 2-1 Antonio Pino, min.77.
Incidencias: Partido da xornada 18 de liga no Subgrupo 1-A da Segunda División B disputado no Estadio Municipal Luis Ramos de Guijuelo.
Relacionadas:
-
Intento de resurrección do Pontevedra, que gaña pero non esmaga (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Luisito, preocupado polo partido contra o Covadonga: "Eles non xogan coa mesma presión que podemos ter nós"
Por Almu Dapena |
-
O Covadonga, un equipo de barrio e debutante na Segunda B que quere agarrarse á categoría
Por Diego Espiño |
-
Álex González ve "primordial" empezar ben a segunda fase pero avisa: "Só cos puntos de Pasarón non serve"
Por Diego Espiño |
-
As tarxetas amarelas, unha ameaza para o Pontevedra no inicio da segunda fase
Por Diego Espiño |
-
Covadonga, primeiro rival do Pontevedra na fase pola permanencia
Por Diego Espiño |
-
A visita a Guijuelo, oportunidade para o Pontevedra de empezar a segunda fase con marxe sobre o descenso
Por Diego Espiño |
-
Luisito, disposto a seguir a próxima temporada: "Se a presidenta o Consello están contentos xa saben a miña resposta"
Por Diego Espiño |
-
Racing, Hércules, Córdoba, Mérida, Recreativo ou Real Murcia. Outros grandes nomes ausentes da Primeira RFEF
Por Diego Espiño |
-
O fútbol profesional, un chanzo máis lonxe para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luisito recoñece que o Pontevedra ten "menos puntos dos que mereceu" e só pensa en "traballar e ser fortes mentalmente"
Por Almu Dapena |
-
Rufo asume a loita pola permanencia e márcase acabar primeiros na seguinte fase como obxectivo
Por Manu Otero |