Un mal inicio condena o Teucro na súa visita ao Amenabar (27-24)
Por Almu Dapena
A Sociedade Deportiva Teucro non puido sacar un bo resultado da súa visita ao Amenabar no que foi o segundo partido da fase pola loita pola permanencia en División Honra Prata. Aínda que os de Pontevedra ofreceron boa imaxe por momentos, os erros puntuais e o mal inicio deixáronos sen marxe de reacción e caeron por 27-24.
Tardaron en enchufarse os de Irene Vilaboa, que cometeron erros en ataque que daban ao Amenabar unha vantaxe de inicio de 4-1. Samu Pereiro e Miguel Sío reduciron distancias sen chegar a empatar, dando paso aos peores minutos dun Teucro ao que se lle poñía costa arriba o encontro ( min. 15, 8-4).
Pediu tempo morto a adestradora pontevedresa coa intención de reverter unha situación que se antollaba complicada. Anotou Víctor Deco, pero enseguida devolveu o golpe o equipo vasco cun duro parcial de 3-0 (11-5).
Quedaban 10 minutos do primeiro acto, momento de maior igualdade onde cada gol local foi respondido polo Teucro, que foi capaz de reducir diferenzas ao chegar ao intermedio (15-10).
O inicio da segunda metade foi igual que o final da primeira. Os de Pontevedra seguiron indo a remolque aínda que sen desconectarse dun partido onde o intercambio de goles foi protagonista, polo menos ata alcanzar o ecuador (21-16).
Puxo calma o equipo local, tentando alongar o máximo posible as posesións para deixar ao Teucro sen tempo e que, a maiores, non era capaz de aproveitarse dos erros en ataque do rival para reducir distancias.
Aínda que deu un paso adiante o equipo de Irene Vilaboa, os minutos seguiron consumíndose. A reacción chegou cos tantos de Miguel Sío e Samu Pereiro, cos que se colocaron a tres tantos do empate. Non foi suficiente. Non quedaba tempo para máis.
Finalmente, o Teucro caeu por 27-24 despois de ir a remolque desde o minuto un.
Consulta as estatísticas do Amenabar-Teucro
Relacionadas:
-
O Teucro derrota o Ikasa Madrid para facerse coa primeira vitoria da fase pola permanencia (29-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Teucro busca o primeiro triunfo da segunda fase para abandonar os postos de descenso
Por Redacción |
-
O partido entre Trapagaran e Teucro, aprazado pola covid-19
Por Diego Espiño |
-
O Teucro non pode co líder e segue sen coñecer a vitoria na fase pola permanencia (23-25)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Trops Málaga, rival do Teucro na terceira xornada da fase pola permanencia
Por Redacción |
-
Teucro e Zamora asinan un empate no primeiro partido da fase pola permanencia (23-23)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Teucro ficha ata final de tempada a Álex Pereiro
Por Redacción |
-
O Teucro coñece o camiño que lle espera na súa loita pola permanencia en División de Honra Prata
Por Redacción |