Bea Gómez xógase a súa última baza olímpica no Nacional Open de Sabadell
Por Diego Espiño
Todo a unha carta. Bea Gómez Cortés encara a súa última oportunidade de clasificación para os Xogos Olímpicos de Tokyo no Campionato de España Open Absoluto que comeza este mércores 24 de marzo en Sabadell.
Trátase da segunda e definitiva cita selectiva para compoñer o equipo nacional que competirá en Xapón, e outorgará á súa vez prazas para o Campionato de Europa Absoluto que se celebrará o próximo mes de maio en Budapest, no que tamén valerías as mínimas.
A deportista pontevedresa, olímpica en Londres 2012, preparouse a conciencia para o evento e competirá representando ao seu novo club, o CN Santa Olaya asturiano. O obxectivo é apurar, por mínimas que sexan, as súas opcións de estar en Tokyo. Para iso só existe un camiño, nadar por baixo da marca mínima A esixida pola FINA nas finais de tarde, con dous billetes máximo por proba.
Bea participará no Open en dúas distancias, os 200 libre e os 200 estilos, que respectivamente contan cunhas mínimas establecidas en 1:57.28 e 2:12.56. Difícil, pero non imposible.
A súa primeira oportunidade chegará no 200 libre, programado para este xoves 24 de marzo, mentres que a segunda, os 200 estilos, terá lugar o vindeiro sábado día 27.
O GALAICO, CON DÚAS REPRESENTANTES
O Club Natación Galaico estará representado tamén no Campionato de España Open con dúas das súas nadadoras.
O programa máis completo será o que afronte Alicia Bouzas participando nos 400, 800 e 1.500 libre, nas 200 costas e nos 400 estilos, mentres que a caldense Antía García competirá nos 50 libre e na 50 bolboreta.
Relacionadas:
-
Alicia Bouzas consegue a súa mellor marca persoal en 200 costas e Bea Gómez queda fóra da mínima olímpica
Por Redacción |
-
Inicio sen brillo para a natación pontevedresa no Campionato de España Open
Por Diego Espiño |
-
Bea Gómez logra ouro e prata no campionato de España de natación en piscina curta disputado en Castelló
Por Almu Dapena | Creada e actualizada
-
Bea Gómez e Gaspar Andrade, vencedores do Campionato Galego de Natación en Augas Abertas no Pontillón
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Bea Gómez ficha polo CN Santa Olaya e múdase a Xixón para preparar o seu asalto aos Xogos de Tokyo
Por Diego Espiño |