A primeira xornada de liga para a Sociedad Gimnástica, en Pamplona e Xixón
Por Diego Espiño
Tras a suspensión da competición a pasada campaña pola irrupción da pandemia, a Sociedad Gimnástica prepárase un ano despois para volver gozar do Campionato de España de Clubs de atletismo.
O club pontevedrés xa coñece as sedes e rivais que lle esperan na primeira xornada de liga, tanto na División de Honra Masculina como na Primeira División Feminina.
Do mesmo xeito que en 2020, aínda que entón non chegou a celebrarse, aos mozos tocoulles desprazarse a Pamplona, onde se enfrontarán ao anfitrión Grupompleo Pamplona Atletismo, a Real Sociedad e ao Club Atletismo Intec Zoiti aragonés.
Na súa 14ª tempada na elite, o equipo da Gimnástica loitará polo obxectivo de asegurar a permanencia, algo que tendo en conta o estadillo de participantes ten ao alcance partindo como o noveno dos 16 clubs en función das marcas dos seus atletas.
"Como siempre con los chicos aspiramos a mentenernos, y con las chicas vamos a intentar pelear por meternos en la final por el ascenso", confirma a presidenta do club, Charo Castro.
En canto ao bloque feminino, a súa primeira xornada de liga de Primeira División terá lugar en Xixón co AD Gijón, o Oviedo Atletismo e o Pielagos cántabro como rivais, partindo desde o oitavo teórico lugar establecido no estadillo de marcas.
Ambos os encontros están fixados no calendario para o próximo 24 de abril.
Relacionadas:
-
Víctor Gallego perde unha xornada de liga coa Gimnástica por primeira vez en 14 tempadas
Por Diego Espiño |
-
O dobre reto europeo de Antía Chamosa
Por Diego Espiño |
-
A Sociedad Gimnástica pecha a cita autonómica en pista cuberta cunha decena de metais
Por Redacción |
-
Antía Chamosa, campioa de España Sub-23 nos 20 quilómetros marcha
Por Redacción |
-
Dous postos de finalista, balance da Gimnástica no Campionato de España Sub-23
Por Andrea Sánchez Barreno |