
© Lanzarote International Regatta
A 'Lanzarote International Regatta', banco de probas de Támara Echegoyen para os Xogos

Por Redacción
Cada vez queda menos tempo para os Xogos Olímpicos, e nun ano no que as opcións de competir son menos das habituais debido ás restricións, calquera ocasión de medirse coas mellores hai que aproveitala ao máximo.
É o que fan estes días Támara Echegoyen e Paula Barceló, clasificadas para Tokyo na clase 49 erFX de vela e que participan na Lanzarote International Regatta.
Na illa canaria, onde estableceron o seu cuartel boa parte da frota internacional, a regatista pontevedresa e a súa compañeira de equipo mídense a moitas das súas teóricas rivais para a Olimpíada.
É pois todo un banco de probas, no que o resultado non é o máis importante e si o son as sensacións.
Polo momento, despois de dúas xornadas, as cousas a nivel clasificatorio non marchan todo o ben que esperaban as actuais campioas do Mundo, que tras un primeiro día a bo nivel víronse relegadas á 16ª praza da xeral por dúas descualificacións.
Echegoyen e Barceló arriscaron o luns na saída para poder navegar con vento libre, nunha xornada de menor intensidade nos refachos, adiantándose á liña. Unha aprendizaxe valiosa do que pode suceder en Tokyo, con condicións moi variables no campo de regatas.
As norueguesas Helena Næss e Marie Rønningen son polo momento as líderes, seguidas das brasileiras Martine Grael e Kahena Kunze e das holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz.
A Lanzarote International Regatta é unha proba clasificatoria europea e africana para Tokyo, o que incrementou notablemente o seu nivel de participación.
Relacionadas:
-
Támara Echegoyen: "Se hai só unha oportunidade de que haxa Xogos, temos que chegar o mellor preparadas posible"
Por Diego Espiño |
-
Escalada ata a quinta posición de Támara Echegoyen e Paula Barceló na xornada final do Europeo
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen vence no Nacional de Vela Holandés Open en Medemblik
Por Redacción |