O Cisne afronta outra misión imposible na súa carreira pola permanencia e o Teucro inicia a fase por eludir o descenso
Por Redacción
O balonmán pontevedrés vive nun estado de alarma constante. Os dous equipos da cidade, Cisne e Teucro, afrontan esta fin de semana dous encontros vitais nas súas aspiracións por evitar o descenso de categoría. Os brancos necesitan sumar os dous puntos para manter viva a esperanza de volver estar o próximo ano en Asobal, mentres que os azuis inician a fase final pola permanencia coa obrigación de manterse na metade superior da táboa para evitar problemas.
Ás 19.30 horas, coas cámaras de LaLigaSportsTV, visita o Cisne a cancha do terceiro clasificado, o Huesca. Unha das citas máis complicadas que restan no calendario dos brancos, afundidos no fondo da táboa con sete puntos, a tres vitorias da salvación. Esperan os de Jabato facerse fortes en casa para obrar o milagre.
Contra Anaitasuna rozaron a machada, en Aragón será misión case imposible puntuar, polo que todas as esperanzas están postas nas próximas citas. Con catorce xornadas por disputar e con duelos contra rivais directos no Municipal, no vestiario cisneísta son optismistas e confían en manter vivo o soño da permanencia ata o final.
Nunha situación máis desafogada atópanse os seus veciños. Aínda que o Teucro non logrou asegurar a permanencia na primeira fase, os puntos conseguidos permítenlle afrontar esta segunda rolda cunha calma relativa.
Os de Irene Vilaboa marchan en terceira posición pero con só un punto de vantaxe sobre o descenso, que o marca o Lalín, sexto clasificado con nove puntos.
A escuadra teucrista recibe este sábado ás 19.30 horas no Municipal ao Zamora. Os castellanoleoneses suman os mesmos puntos que os galegos, polo que comezar a súa andaina nesta fase con vitoria non só serviría para reforzar a moral dos xogadores, senón que ampliaría a distancia cun rival directo na carreira por eludir o descenso a Primeira Nacional.
Relacionadas:
-
Teucro e Zamora asinan un empate no primeiro partido da fase pola permanencia (23-23)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Contundente derrota do Cisne fronte a un Bada Huesca que o deixou sen opcións (32-19)
Por Almu Dapena |
-
Anaitasuna noquea o Cisne, que acabou na lona tras dous arreóns dos navarros (28-32)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Teucro coñece o camiño que lle espera na súa loita pola permanencia en División de Honra Prata
Por Redacción |
-
O Teucro esmaga o Bordils e colle aire para afrontar a fase pola permanencia (34-24)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |