O aforo nos eventos deportivos pasa ao seguinte nivel: 1.000 espectadores ao aire libre e 300 baixo teito
Por Diego Espiño
A Xunta de Galicia deu permiso para a ampliación de aforo nos eventos deportivos que se celebran na comunidade, en referencia especialmente ao que se refire ás competicións de ámbito estatal.
Segundo recolle a edición especial do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada a última hora deste mércores, os eventos deportivos seguirán equiparados a actividades en cinemas, teatros, auditorios, congresos e outros eventos.
O texto da nova normativa aclara que nos municipios que se atopan actualmente nun nivel de incidencia medio-baixo, como son todos os da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés fóra de Soutomaior, "o límite máximo poderá alcanzar as 300 persoas para lugares pechados e as 1.000 persoas se se trata de actividades ao aire libre".
Isto supón un pequeno incremento en pavillóns e lugares pechados, con permiso para ampliar o seu aforo en 50 espectadores, pero un importante salto para escenarios como os estadios de fútbol, que poderán dobrar a súa capacidade das últimas semanas.
O DOG lembra á súa vez a necesidade de manter as medidas de seguridade establecidas, entre as que se atopan a obrigatoriedade de que os afeccionados permanezan sentados e que a capacidade se calcule tendo en conta a distancia de 1,5 metros nas catro direccións entre os asistentes, salvo que se trate de conviventes. Ademais "o uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal", incide o texto normativo.
Estas medidas serán de aplicación a partir deste venres 19 de marzo.
Relacionadas:
-
A Xunta aclara a normativa para as praias: Sen máscara só na toalla e ao bañarse
Por Diego Espiño |
-
Bares e restaurantes poderán abrir ata as 21:00 horas e terán máis aforamento
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta autoriza o regreso de espectadores a estadios e pavillóns, cun máximo de 500 persoas ao aire libre
Por Diego Espiño |
-
Sen público nas bancadas durante as tres próximas semanas
Por Diego Espiño |