O BNG leva ao Parlamento a reprobación de Rafael Louzán como presidente da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción
Luís Bará, deputado autonómico do Bloque Nacionalista Galego (BNG), presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei solicitando a reprobación do presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán.
Deste xeito a Cámara debaterá sobre a situación do dirixente, condenado recentemente por un tribunal a 2 anos de prisión e 8 de inhabilitación para o exercicio de cargo público por irregularidades nas obras dun campo de fútbol en Moraña.
Segundo Bará esta reprobación "susténtase, mais alá da gravidade dos feitos e da severidade da condena xudicial, pola exemplaridade e o código ético que debe rexer a actuación dos representantes públicos".
Na iniciativa parlamentaria ínstase á Xunta de Galicia a incoar un expediente disciplinario contra Louzán, xunto á petición de que se adopten medidas preventivas ao entender o BNG que como dirixente da RFGF xestiona "centos de miles de euros de fondos públicos".
"Máis aló da valoración legal e do feito de que a sentenza non sexa firme, estamos a falar de feitos de extrema gravidade e que son censurábeis desde o punto de vista da moral, da ética e da exemplaridade con que deben actuar as persoas que teñen responsabilidades públicas. Máis aínda se cabe nun ámbito como o deportivo no que as persoas dirixentes deben ser exemplo para a sociedade e para as novas xeracións", sostén Bará.
En opinión da formación nacionalista a Lei do Deporte proporciona instrumentos para intervir neste tipo de situacións, mantendo ademais que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia debe velar polo cumprimento dos estatutos da Federación Galega de Fútbol, que nun dos seus artigos establece como requisito "non estar inhabilitados para desempeñar cargos públicos", sostén na súa argumentación o BNG.
Relacionadas:
-
Louzán volverá recorrer a súa condena por prevaricación e non renuncia a presidir a Federación Galega de Fútbol
Por Natalia Puga |
-
O PSdeG-Psoe esixe a Lete Lasa que impulse a dimisión de Louzán ao fronte da Federación Galega de Fútbol
Por Redacción |
-
A directiva da Federación Galega de Fútbol defende a xestión de Louzán tras a súa condena xudicial
Por Diego Espiño |
-
Louzán anuncia que recorrerá a sentenza e alega que non hai probas que amosen a súa participación nos feitos
Por Redacción |
-
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude
Por Natalia Puga | Creada e actualizada