Actitude, garra e intensidade, armas do Arosa para pintarlle a cara (2-0) a un Pontevedra decepcionante
Por Ramiro Espiño
Intensidade, actitude, pouta en todas as súas accións. Convicción no que fan. Ese foi o Arosa no derbi fronte a un Pontevedra decepcionante, esvaecido, unha verdadeira caricatura dun equipo que di querer aspirar ao campionato de liga. Nando sinalou os seus xogadores ao finalizar o partido. ÿ a segunda vez en só cinco partidos de liga, pero a verdade é que as razóns dun ridículo comezo ligueiro dos granates quizais haxa que empezar a buscalas máis alá, quizais se encontren en que o equipo nin está o suficientemente traballado tacticamente, nin ten o necesario carácter competitivo para impoñer unha superioridade teórica, que ata o momento non tivo reflexo sobre o cesped.
E todo iso á marxe da confección dun equipo con bastantes "cromos repetidos" e moitas casas en branco. Con lagoas en defensa, con defectos na construción, e sen apenas pegada en ataque. A famosa columna vertebral sobre a que os entendidos din debe asentarse calquera equipo serio e competitivo, e que no Pontevedra non se albisca nin por asomo. Se ademais diso o recurso da estratexia tampouco parece que se traballase en absoluto (nova proba os nove corners lanzados sen un só remate a porta), o resultado é consecuencia lóxica de ter en fronte un rival que goza precisamente de todo aquilo que lle falta aos granates.
Porque o discurso de antepoñer o resultado ao xogo cae por si mesmo en canto en fronte tes un rival serio. Corría o minuto 76 de partido cando o Pontevedra facía o primeiro remate a porta con perigo. ÿ dicir, cumpríase a media dos anteriores partidos a domicilio: un disparo fronte ao Choco, e outro de penalti contra o Grixoa. Pero claro, para desgracia dos granates, o Arosa de Piscis non ten nada que ver cos anteriores rivais. Xoga ao que sabe, mentres o Pontevedra seguimos sen saber ao que xoga.
Sete puntos de quince posibles. Pobre bagaxe para un Pontevedra penoso, a mercé do rival, que sempre soubo marcar e impoñer o ritmo que lle conviña, e que foi moi superior por xogo, pero especialmente por corazón, que, a diferenza dos granates, está a asinar un arranque ligueiro absolutamente espectacular que lle leva a compartir liderado na categoría e de forma tan meritoria como merecida.
Porque os de Piscis saíron enchufados dende o asubío inicial. Disputando cada balón coma se lles fose a vida. Como debe facer un equipo con carácter e convencido, que sabía os puntos débiles do rival e como atacalos. Da man dun Adrián Camiño que marcou en cada momento o tempo do partido, os arlequinados puxéronse por diante cando o propio Camiño retratou as vergoñas da defensa visitante por primeira vez. Logo abondoulles con acelerar cando lles interesaba e frear o ritmo se o Pontevedra adiantaba liñas.
Os de Nando non deron sinais de vida en todo o primeiro tempo. Cunha indolencia impropia na disputa dos balóns divididos, un lanzamento de falta de Santi Domínguez, dende a frontal, que se iría fóra a dous minutos para o descanso, sería todo o perigo que xeraron os visitantes.
A segunda parte só serviu para descubrir aínda máis as carencias do Pontevedra. O Arosa cedeu voluntariamente o balón ao seu rival, buscando unha contra para matar o partido, e encontrouna no minuto 62, cando Hugo pon en evidencia ao outro central visitante, Miguel, e pon un centro para que Nando fusile dous metros de portaría.
E puido ser peor, porque no 75 Adrián Camiño fixo tremer o longueiro de Paco, ao estrelar un lanzamento de falta que puido significar un maior escarnio para o conxunto visitante.
Dous únicos remates fixo o Pontevedra entre os tres paus en todo o partido, o primeiro deles cando se levaban xogados 76 minutos
Sería o único momento en que o Pontevedra por fin conseguiu estirarse e os seus xogadores lle botaron un pouco de casta, pero a mesma falta de ideas. Tubo remata de cabeza mordido un centro de David Feito, minuto 76, no que foi primeiro disparo entre os tres paus do Pontevedra. Parouno Jorge, igual que faría co segundo e último lanzamento porta, xa no desconto, a cargo de Miguel. Dous remates. O dobre que nos anteriores partidos a domicilio.
Cando se gañou en Grixoa advertíase que xogando así de mal estase sempre máis preto da derrota que do triunfo. Na Lomba confirmouse. Mentres no Pontevedra se acenden as alarmas e a decepción cala entre a súa enfastiada afección, no Arosa vívese un merecido sono no seu retorno á Terceira División.
AROSA, S.C. (2): Jorge Pérez (2); Juanjo (2), Munín (2), Martín (2), José Ángel (2); Rivas (2), Jesús (2); Nando (2), Adrián Camiño (3), Eloy (2); e Ramón (2).
Substitucións: Hugo (2) por Ramón, minuto 51. Álex Freire (1) por Eloy, minuto 67. Santi (s.c.) por Nando, minuto 89.
PONTEVEDRA, C.F. (0): Paco (1); Adrián (1), Pablo (0), Miguel (0), David Feito (1); Tubo (0), Candela (2), David García (0), Fran Fandiño (1); Santi Domínguez (0) e Pablo Carnero (0).
Substitucións: Pablo Lede (0) por Pablo, minuto 46. Luismi (1) por Fran Fandiño, minuto 58. Moreira (0) por David García, minuto 71.
Árbitro: Miguel Ángel Pérez Cabaleiro (Vigo), auxiliado nas bandas por Brian Mensah Pereira e Eduardo Rivera Gores. Amoestou a Jorge Pérez, Rivas, Candela e David García.
Goles: (1-0) Minuto 17: Adrián Camiño vaise en velocidade de Pablo e Candela e bate a Paco de tiro raso e cruzado, axustado á cepa do poste esquerdo. (2-0) Minuto 62: Hugo rompe por dúas veces a cintura de Miguel para sacar un centro raso que Nando aproveita, desmarcado no segundo pau, para bater dende preto a Paco.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía de Arousa). Boa entrada con ao redor de 3.000 espectadores e nutrida presenza de seguidores visitantes.
VESTIARIOS:
Nando: "Quero pedir desculpas aos afeccionados que se desprazaron ata aquí. Non tivemos actitude. No fútbol hai que ser un pouco máis humildes e non pensar que co escudo se gaña"
NANDO: Non se mordeu a lingua o adestrador granate, visiblemente desgustado co resultado e co xogo do seu equipo, pero moi especialmente coa actitude exhibida polos seus xogadores: "En primeiro lugar quero pedir desculpas aos afeccionados que se desprazaron ata aquí, porque a imaxe do meu equipo hoxe non foi nin a metade do que esperaba. O equipo en ningún momento encontrouse no campo, superáronnos en todos os aspectos, o primeiro na actitude, non tivemos actitude e veunos o gol da forma que falaramos durante a semana. Temos que decatarnos que no fútbol hai que ser un pouco máis humildes e non pensar que co escudo se gaña. Estou moi, moi molesto coa actitude do equipo. Pódese xogar ben, ou xogar mal, e perder ou gañar, pero a actitude hai que tela, e hoxe superáronnos en todos os aspectos. Os nosos dianteiros non teñen posibilidade de tocar un balón, porque os centrais están enriba e nós somos irmás da caridade. Hoxe volvemos ser o equipo feble do día do Villalbés".
Ademais, Nando advertiu coa posibilidade de facer cambios ante o frouxo rendemento dos seus homes: "Se seguen na mesma actitude de hoxe pois hai máis xogadores que poden saír ao campo. Teremos que sacar os once que polo menos teñan a actitude axeitada, e non saír pensando que somos favoritos nin somos os mellores. Nestes momentos non me preocupa que levemos sete puntos de quince, preocúpame non dar a imaxe que demos hoxe. Os xogadores son os que xogan, pero por suposto que eu teño tamén toda a responsabilidade, pero se vexo que o que se está a facer non se está a facer ben, ou os xogadores que están a saír ao campo non o fan como deben, haberá que facer cambios, pero cando gañamos facémolo todos e cando perdemos tamén, eu o primeiro, por suposto".
Por último referiuse tamén ao rival: "O Arosa fixo un gran partido, si, pero basicamente aproveitouse dos nosos erros. Cada vez que sacaban unha falta había perigo, e nós non soubemos poñer no campo o que ensaiamos durante a semana".
Piscis: "O Arosa xoga sempre a este nivel de intensidade, con actitude e presión ao límite. O Pontevedra para min é o todopoderoso da categoría"
PISCIS: Con rostro tranquilo, pero coa satisfacción pola vitoria e por recoller os froitos dun bo traballo nun arranque de tempada espectacular, Piscis tiña claras as razóns que o levaron a superar o Pontevedra: "Estou contento polo meu equipo. O Pontevedra hoxe xogou ao fútbol máis que outras veces, que foi máis directo, pero se encontrou cun rival ordenado, que fixo o que tiñamos previsto, repregarnos, saír á contra e matar o partido, sen permitir os segundos balóns. O Arosa xoga sempre a este nivel de intensidade, con actitude e presión ao límite. Non estabamos nin motivados, nin dobremente motivados, nin triplemente motivados como se chegou a dicir, o Arosa xogou como adoita facer. Pode que ao mellor fose un partido feo para vós, pero moi bo para nós, que quedamos os tres puntos. O noso nivel defensivo foi moi bo, ademais temos un porteiro que para min é o mellor da categoría, e non lles permitimos facer perigo case ata o final. Son tres puntos moi importantes para seguir crecendo, polos puntos e por gañalos fronte ao Pontevedra, que para min é o todopoderoso da categoría".
O técnico arlequinado agradeceu tamén o apoio da súa afección: "Cando o Pontevedra nos apertou a afección non deixou de animar e iso é de agradecer. Mentres o equipo siga pelexando ao límite como o está a facer e a afección nos avale podemos facer cousas boas. Sabemos de onde vimos e onde queremos chegar, e é importante que todos empurremos, xogadores, corpo técnico, directiva e afección".