O Teucro esmaga o Bordils e colle aire para afrontar a fase pola permanencia (34-24)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena
Importantísima vitoria a lograda pola Sociedade Deportiva Teucro esta tarde ante o Bordils no Pavillón Municipal e diante da súa afección. O equipo de Irene Vilaboa, consciente da importancia de sumar dous puntos para afrontar a segunda fase de División Honra Prata e loitar pola permanencia, mostrouse moi superior aos cataláns e dominou o encontro desde o minuto un para sentenciar nun claro 34-24.
Roi Sierra abriu o marcador do partido despois de aproveitar o erro en ataque do Bordils, que empatou na seguinte xogada con Jairo Montes. O Teucro fíxose forte en defensa, e cun Fede Wermbter crecido baixo paus, colleu as rendas para endosar un parcial de 3-0 que lle daba unha importante vantaxe que obrigaba ao técnico visitante a parar o cronómetro (min. 3, 4-1).
Nese momento chegaron os instantes de maior igualdade, onde cada ataque anotado por un equipo era respondido polo outro. Co 6-4 o partido volveuse tolo e os erros en ambas as escuadras fóronse sucedendo ata que Cristian Remeseiro, por partida dobre, volveu enviar o balón á rede para poñer un colchón de 4 tantos a un Teucro que estaba a gozar co seu xogo.
Reduciu distancias o Bordils cun parcial de 0-2 cando se alcanzaba o ecuador da primeira metade. Foi un visto e non visto. Os cataláns fóronse apagando a medida que pasaban os minutos, estrelándose unha e outra vez contra o muro Wermbter que impediu o gol visitante durante os seguintes doce minutos. Pola súa banda, o Teucro non desperdiciou os seus ataques e golpeou cun duro parcial de 6-0 que deixaba tocado ao seu rival (min. 25, 14-7).
Nos últimos minutos do primeiro acto os de Irene Vilaboa non baixaron os brazos e seguiron moi activos en ataque para aumentar a diferenza e chegar ao descanso cun resultado de 18-8.
Aínda que tras o paso polo vestiario o Bordils tentou axustar o seu xogo para reverter a dura situación á que estaba a ser sometido, o Teucro era dono e señor dun partido que moito se tiña que complicar para non deixar os dous puntos en Pontevedra.
Non houbo reacción do equipo catalán, que se atopou cun Teucro intratable que se foi cunha vantaxe de 14 goles ao chegar ao ecuador do segundo acto (min. 14, 27-13).
Xa nos instantes finais e sen tempo para dar a volta ao marcador, o Bordils só puido maquillar o resultado dun partido que finalizou en 34-24.
Con esta vitoria o equipo pontevedrés afrontará a segunda fase ligueira con 10 puntos, igualados co Zamora e Sarrià, e só superados polo Trops Málaga e Zarautz con 12. O Lalín ten 9 puntos, 7 puntos o Sant Martí, 6 o Ikasa Madrid, 4 o Bordils e 0 o Trapagaran.
Consulta as estatísticas do Teucro-Bordils