Un Máster Nacional como proba de nivel para o Bádminton Ravachol antes do regreso da División de Honra
Por Redacción
Primeira competición de nivel para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra tras o parón federativo, unha cita que servirá para preparar o tramo final da tempada na liga de División de Honra, na que estará en xogo a permanencia na máxima categoría.
Cinco deportistas do club pontevedrés estarán presentes a próxima fin de semana no Máster Nacional Absoluto de Collado Villalba.
Trátase de Manuel Brea, Javier Sánchez, Ania Setién, Elena Fernández e Gabriel Fernández, que acudirán á localidade madrileña co obxectivo de afianzarse na clasificación nacional pensando no próximo Campionato de España.
Brea competirá nas modalidades de individual e dobres xunto ao asturiano Alberto Zapico, partindo como terceiro cabeza de serie en dobres e como número 8 en individual.
Javi Sánchez competirá en dobres masculino xunto ao madrileño Daniel Sánchez, e en dobres mixto xunto á andaluza Manuela Díaz, partindo como cuarto cabeza de serie.
Pola súa banda, Ania Setién estrearase na competición de máster nacional, tanto en individual como en dobres coa súa compañeira Lucía Rodríguez, mentres que Gabriel Fernández disputará o individual e o dobres co ourensán Antonio Iglesias.
Por último Elena Fernández completa a expedición pontevedresa en individual feminino e dobres mixto xunto ao seu compañeiro Iván Villanueva.
Relacionadas:
-
Trascendental vitoria do Ravachol para saltar dos postos de descenso
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol chega a un acordo co San Narciso para poder volver adestrar
Por Redacción |
-
A falta de adestramento, un problema para o Bádminton Ravachol ante o regreso da liga de División de Honra
Por Redacción |
-
A División de Honra de bádminton para ata o mes de marzo pola pandemia
Por Redacción |