Derrotas do Umia e Atlético Arousana fronte ao Victoria FC e Deportivo B
Por Almu Dapena
Umia CF e Atlético Arousana atopáronse cunha nova derrota esta fin de semana. O Umia recibiu ao Victoria FC na Bouza, nun partido onde na primeira parte dominou o equipo de Santiago e a segunda foi para as locais. Pola súa banda, o Atlético Arousana caeu goleado na súa visita a Abegondo por un superior Deportivo B que sentenciou o partido en 35 minutos.
UMIA CF 1-2 VITORIA FC
Dura derrota para o Umia esta fin de semana ante o Victoria FC.
Saíron replegadas as de Barrantes na primeira metade, buscando o erro rival para xerar ocasións. Con todo, a mala colocación no terreo de xogo xerou moitos ocos que foron aproveitados polo equipo rival para facerse coa vitoria.
O dominio durante o primeiro acto foi total para as de Santiago, que tiveron a posesión e non deixaron xogar a un Umia que se viu con dous goles en contra en menos de 10 minutos. O primeiro chegou por mediación de Paula Paredes, que sacou un disparo afastado que se coou ao interior da portería (min. 26). No segundo, Laura Mosquera aproveitou os espazos que deixou a defensa local para recibir un pase entre as rivais e coar o esférico de vaselina e poñer o 0-2 (min. 33).
Despois do descanso chegaron os cambios no Umia, que subiu as liñas e aumentou a presión para pasar a dominar e recortar diferenzas. Aos dez minutos do paso polos vestiarios, Carla Rial recibiu o esférico na frontal da área tras un despexe da defensa e colocou o 1-2.
Seguiu buscando o gol do empate o equipo de Barrantes, pero por máis que o tentou non foi capaz de mover o marcador e o partido concluíu en 1-2.
DEPORTIVO B 6-0 ATLÉTICO AROUSANA
O Atlético Arousana sumou unha nova derrota esta fin de semana ao caer goleado en Abegondo polo Deportivo B.
Puido poñerse o equipo vilagarcián por diante no minuto 8 cando Melani plantouse soa diante da porteira, que rexeitou o esférico. Laura tentouno despois pero o seu disparo saíu rexeitado por unha defensora local.
Esa foi a única ocasión para o Atlético Arousana, que non tardou en atoparse cunha laxa encima imposible de levantar.
Comezou a cometer erros defensivos, aproveitados por un Dépor moi eficaz en ataque que enviaba á rede todo o que tiña. Así, en tan só 35 minutos, María, Navia, Andrea e Tati, esta por partida dobre, endosaron cinco goles para deixar sentenciado o partido.
Xa na segunda metade e con todo perdido, un gol solitario de Sara, que rematou un córner, puxo o 6-0 co que se se alcanzou o final do encontro.
Con este resultado, o Deportivo B colócase líder provisional con 29 puntos, a un do Viaxes Interrías, que ten dous partidos menos disputados.
Relacionadas:
-
O Umia golea o Valladares (4-0) e o Arousana cae na súa visita o Victoria CF (4-1)
Por Almu Dapena |
-
Derrotas do Viaxes Interrías, Umia e Atlético Arousana a falta de dúas xornadas para o final da liga
Por Almu Dapena |
-
O Interrías vence o Victoria CF e é máis líder (1-3), e empate sen goles entre os pechacancelas Arousana e Valladares
Por Almu Dapena |
-
Sufrida vitoria do Viajes Interrías fronte o Sárdoma e empates da Arousana e do Umia
Por Almu Dapena |
-
O Atlético Arousana suma os seus primeiros tres puntos esta tempada ante un Victoria FC minguado polas baixas (2-0)
Por Almu Dapena |