O Mundial máis amargo de Álvaro Fernández Fiuza, a Federación déixao sen roupa para competir
Por Alejandro Espiño
Carlos Pérez 'Perucho' denunciaba o pasado mes de xullo que para poder acudir ao Mundial de Piragüismo de Duisburgo tíñase que pagar el a viaxe do seu peto. Agora, algo similar pasoulle a outro pontevedrés, Álvaro Fernández Fiuza. ÿ unha das grandes bazas da representación española no Campionato do Mundo de Maratón, que se celebra esta fin de semana en Copenhague (Dinamarca), pero a Federación deixoulle sen roupa para competir.
Así o denuncia o propio deportista no seu blog persoal. "Unha vez en Copenhague, gustaríame dicir que todo perfecto ou todo ben, pero nada mais lonxe da realidade", afirma. Lamenta as malas condicións do aloxamento na capital danesa, pero "o peor para min é que non me proporcionan, tal e como me dixeron, a roupa para competir". Asegura que "é a primeira vez que me vexo nunha situación así", desde que compite co equipo español.
E a situación é moito máis sorprendente e desagradable porque, tal e como conta Fernández Fiuza, "ao resto dos meus compañeiros déronlla, ou sexa que o único sen roupa dos financiados, son eu". Non se chegaría a isto, explica, "se alguén desde a Federación me avisa de que este ano me teño que pagar a roupa, pero no canto diso e confiando neles chego aquí e atópome coa sorpresa de non ter roupa para competir".
"Chegamos a un punto no que sae caro representar ao noso país", laméntase o piragüista pontevedrés, quen afirma que me gustaría pedir explicacións ou que se me dea dunha solución, pero non teño a ningún federativo para poder facelo". Os dous responsables que, segundo denuncia, enviou a Federación para atender ás 40 persoas desprazadas a Copenhague "non mo poden solucionar porque xa bastante teñen con capear a estancia aquí".
Esta denuncia pública de Álvaro Fernández Fiuza conclúe preguntándose que é o que debe facer para competir no Campionato do Mundo. "Pídoa prestada a outro que compita antes, compito coa do club...", cuestiónase o padexeiro. En todo caso, insiste en que "o que si teño claro é que veño facelo o mellor posible e a Federación Española de Piragüismo non me vai a quitar a ilusión".
Segundo o calendario de competición, Álvaro Fernández Fiuza ten que remar o domingo 22 ás 12.30 horas. Farao na categoría de K-2 xunto ao seu compañeiro habitual, o asturiano Walter Bouzán. Ambos foron subcampións do mundo nos Mundiais de Roma 2012.